A formación de música contemporánea estrea mundialmente este xoves a peza de Ramón Souto «The Box»
01 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Vertixe Sonora anda embarcada nun proxecto que propugna o encontro de civilizacións, no diálogo entre diferentes. Co estandarte da interculturalidade chegou a Asia, convidada polo Hong Kong Arts Development Council e a HK Baptist University, que apreciaron a súa «destacada contribución á música do noso tempo». Alí, en The Box, nun gran auditorio no distrito cultural de West Kowloon, cinco compositores de raíces e culturas distintas tratarán de amosar que a comunicación é factible, de buscar confluencias sobre o feito da contemporaneidade. O compositor colombiano Camilo Méndez —afincado en Kowloon— coordina esta proposta, que convoca ademais ao hongkonés radicado en Estados Unidos Ka Shu Tam, á xaponesa Yuko Ohara, á taiwanesa residente en París Lin-Ni Liao e a Ramón Souto (Vigo 1973), director artístico de Vertixe Sonora. «Ou é posible o encontro —di Souto— ou estamos condenados ao conflito permanente na procura do desastre final».
Os cinco músicos levan dende que chegaron, o pasado domingo, traballando cos intérpretes de Vertixe Sonora, axustando a lectura das partituras, mantendo reunións cos estudantes, impartindo master class, dando charlas, debatendo... Todo de cara ao concerto que se celebrará este xoves ás 20.30 horas en The Box, no que se poderán escoitar as pezas Dead-end (2021), para saxofón, piano e percusión, de Ka Shu Tam; Birefringence (2015), para violín, de Ohara; How prudent that we are blind… (2019), para frauta, tam-tam e luces, de Lin-Ni Liao; Cartography of Liminal Spaces (2021), para violín e ensemble preparado, de Méndez; e The Box (2023), para ensemble, de Souto. Neste caso, trátase dunha estrea mundial, porque, como indica título, foi escrita especificamente para este proxecto e este auditorio. A recreación da peza, ademais de Vertixe Sonora —que conforman Keiko Murakami, frauta; Pablo Coello, saxofón; Roberto Alonso, violín; David Durán, piano; e Diego Ventoso, percusión—, conta coa participación de dous músicos do Hong Kong New Music Ensemble: a fagotista Leung Tak Wing e o clarinetista Linus Fung.
Habitación do pánico
Na composición de Souto, explica o músico, Vertixe Sonora tratará de converter a sala negra de concertos de The Box «nunha habitación do pánico na que se encerran cinco compositores e sete músicos de diferentes nacionalidades e sensibilidades para construír e imaxinar un futuro». O propósito é, incide, «cuestionar o momento que se está a vivir, un cambio de ciclo, un cambio de época, cara onde se dirixe a humanidade». O mundo, argúe, arrastra problemas desde hai anos que a sociedade debe enfrontar xa, sen seguir adiándoos, o cambio climático, o modelo económico da precariedade, a guerra, agora en Europa, as migracións, o auxe da ultradereita e dos populismos... «Todo está mudando e, nesta encrucillada, é posible o diálogo? A nosa achega a esta crise é a música como metáfora de encontro, que, por certo, é unha das máis felices», subliña.
Méndez modifica instrumentos musicais na procura de novos timbres acústicos, o hongkonés Ka-Shu Tam posúe un mundo sonoro intimamente ligado a súa cidade, Souto explora a fisicalidade do son mediante xestos musicais extremos, Ohara viaxa na súa música a un universo refinado no que conviven a natureza e os animais en perfecta harmonía, e Lin-Ni Liao mestura diferentes tradicións musicais expresións da interculturalidade.
A elección de Hong Kong, sinala Souto, é especialmente axeitada para desenvolver esta proposta sobre a comunicación e a interculturalidade porque, pese ao que se cre, a maior parte da poboación fala cantonés e non inglés, polo que a integración resulta difícil para o que vén de fóra. «É un idioma moi complexo. Se no chino convencional, cada sílaba ten cinco entoacións diferentes que se corresponden con outros tantos significados distintos, no caso do cantonés —aclara—, hai que falar de nove entoacións».
Pese esa distancia que separa China de Europa que podería parecer abisal, relata o compositor vigués, en Vertixe Sonora seguen sorprendidos da repercusión que alcanzou en Asia o seu traballo en Galicia: «Quedamos abraiados ao comprobar o recoñecido que é aquí o noso labor, tanta resonancia nun sitio tan afastado, que as nosas obras se estuden na universidade, que saiban perfectamente o que facemos. É emocionante», confesa.