Ferrín volve á raia seca coa rodaxe da película «O corpo aberto»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

Tamar Novas senta nos mesmos pupitres de «A lingua das bolboretas»

08 dic 2022 . Actualizado a las 15:06 h.

Polas terras feras da raia seca, a cabalo entre Galicia e Portugal, andan a rodar as escenas de O corpo aberto. A que será a primeira longametraxe de Ángeles HuertaEsquece Monelos— asume o risco de levar á pantalla un dos contos de Méndez Ferrín que forman parte da súa obra Arraianos. Definida como unha proposta de «terror folk», a película conta a historia dun mestre novo que chega a unha aldea da montaña, na fronteira galego-portuguesa, para exercer no seu primeiro destino. O racionalismo e a ciencia do docente Miguel vai chocar coas crenzas e as lendas que manteñen os veciños do lugar.

A gravación estase a desenvolver por escenarios das aldeas do parque natural Xurés-Gêres e os principais protagonistas de O corpo aberto son Tamar Novas, María Vázquez, Federico Pérez, Elena Seijo, Miquel Ínsua e Victoria Guerra.

Nunha xornada de rodaxe por escenarios do municipio de Lobeira, Tamar Novas (Miguel) incide nas boas sensacións do proxecto: «As cousas están saíndo moi ben e somos un equipo fantástico. Ángeles arriscou moito nesta iniciativa e temos un guión excelente que lle fará xustiza ao Lobosandaus de Ferrín. Ademais, aquí mires para onde mires tes un escenario ideal para gravar».

Casualidades da vida: o neno Roque que era un dos escolares de A lingua das bolboretas, de Cuerda, interpreta agora ao profesor Miguel. E faino tendo como material de rodaxe os mesmos pupitres que se empregaron daquela —a escola estivo exposta no OUFF e os materiais do Museo Pedagóxico de Galicia viaxaron do festival de cine á raia seca—. «Daquela era o neno que se sentaba neses pupitres en Allariz e Fernando Fernán Gómez era o mestre. Agora, case 25 anos despois, son o mestre desta película ambientada en 1909. É unha fortuna esta casualidade», di. Allariz, Celanova —El desorden que dejas— e agora a Baixa Limia. Tamar Novas está certo de onde nace a súa paixón: «A miña avoa, de Melide, tróuxome ofrecido ao Santo Cristo de Ourense cando era pequeno».