Florencio Delgado Gurriarán: exilio e lingua

ramón nicolás

CULTURA

O escritor Florencio Delgado Gurriarán.
O escritor Florencio Delgado Gurriarán. RAG

03 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Exilio e lingua constitúen, particularmente, dúas das facetas que me suscitan un maior interese no perfil de Florencio Delgado Gurriarán, figura que a Academia decidiu que protagonizase o Día das Letras Galegas no vindeiro ano.

E ámbalas dúas fúndense, talvez, nunha aliaxe inmarcescible que cultivou o escritor valdeorrés ao longo de boa parte da súa vida tal e como se confirma tras a publicación da monografía que, en 1999, Isaac Díaz Pardo acolleu na serie Documentos, de Ediciós do Castro: colección que é un verdadeiro tesouro bibliográfico e grazas á que tantas persoas nos formamos. Refírome ao título Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista a cargo de Ricardo Gurriarán: un traballo excepcional, no que supoño que algún selo editorial reparará, pois neste voluminoso libro, saudado no seu día nestas mesmas páxinas por Xesús Alonso Montero cun artigo de título significativo e elocuente: Delgado Gurriarán volve do exilio, condénsase un traballo de investigación minucioso e infrecuente que abriu ángulos descoñecidos na biografía e obra do autor de Córgomo, mesmo nalgúns casos insospeitados grazas á incorporación de numerosos inéditos e dalgún material epistolar rescatado.

E sospeito que a realidade do exilio en México será abordada con profundidade ao longo do 2022 pois, alén de que xa constituíu un foco de interese cando se abordaron análises e estudos de figuras como Lorenzo Varela, Elixio Rodríguez, Luís Soto ou Carlos Velo e máis alá das investigacións realizadas arredor das revistas Saudade ou Vieiros, foi neste ámbito onde salienta o labor desenvolto por Delgado Gurriarán na defensa das liberdades democráticas de Galicia como ben amosa, por exemplo, o Cancioneiro da loita galega (1943), do que cumprirá falar por extenso. É o seu labor no exilio un lugar común que agroma aquí e acolá nos epistolarios éditos e inéditos por volta da súa figura. Nunha modesta incursión realizada nos fondos do arquivo Fernández del Riego exhumei unha carta de Delgado Gurriarán, remitida a Del Riego e datada en Nadal de 1959, onde a preocupación e o seguimento da cultura galega era unha constante e na que, ao mesmo tempo, reflexionaba sobre a revista Vieiros: un proxecto que entendía como «indispensábele para que renda froitos proveitosos e non sexa ‘‘lamarada de petate” (algo asín como lume de pallas) como decimos en México».