Arume arpado

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Escultura de Eduardo Pondal
Escultura de Eduardo Pondal CESAR QUIAN

Que din as altas copas de escuro arume arpado co seu ben compasado monótono fungar? Pois non é bo de saber o que din pero esa é unha das varias preguntas que D. Eduardo Pondal formulou no seu poema Os pinos. O bardo bergantiñán escribía bonito e o himno galego é un dos seus poemas destacados. Arume arpado é poeticamente fermoso. O arume é a folla ou agulla característica dos piñeiros e o adxectivo arpado é referido a arpa, ese instrumento de forma triangular con cordas, de doce e envolvente son que a min particularmente marabíllame e faime lembrar a auga. Pondal fala de arpas en varios dos seus poemas pola enorme influencia que o mundo celta imprimiu na súa obra. Terras como Irlanda ou Escocia, de verdes chans, de grandes músicos, escritores e poetas onde a arpa é unha das iconas principais.

Irlanda é o único país do mundo que ten un instrumento musical na súa bandeira e aí reluce a arpa. No Trinity College de Dublín presumen de conservar a arpa que din pertenceu a Brian Boru, recoñecido como o grande Rei de Irlanda e gran mecenas das artes finado no 1014. Difícil é de saber se ese instrumento era o atribuído ao devandito Rei pero en calquera caso leva o seu nome e alí está exposto como se o fose. No país de Gales é o instrumento máis representativo do seu folclore existindo unha liña ininterrompida de arpistas dende o século XI.

Aquí, en Galicia, as arpas introducíronse con forza grazas á música celta, á música medieval e co renacer da música galega nos anos 80. Grupos de folk irlandeses, escoceses, galeses ou a influencia do arpista bretón Alan Stivell, principal impulsor da arpa en Bretaña, foron decisivos á hora de que este instrumento se sentise como noso tamén. Este rexurdimento veu acompañado polo bo facer de investigadores, artesáns e músicos que recuperaron dun xeito metódico estes instrumentos así como moitos outros representados nalgunhas igrexas galegas, sinaladamente no pórtico da Gloria da catedral de Santiago e no do Paraíso da de Ourense. Grazas ao traballo de todos eles os sons arpados perdurarán moito tempo nesta mais ou menos compasada terra de Breogán.