Víctor F. Freixanes leva os últimos catro anos ao fronte da RAG
28 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Na reunión do plenario da Real Academia Galega tamén se oficializou a finalización do mandato da comisión executiva presidida por Víctor F. Freixanes, que leva os últimos catro anos ao fronte da institución. Deste xeito ponse en marcha un proceso que conducirá á elección da nova directiva, un proceso que se prolongará durante tres meses e na que os distintos membros poderán presentar a súa candidatura se así o deciden.
O escritor e profesor Víctor F. Freixanes foi elixido presidente da RAG hai catro anos, o 28 de marzo do 2017, cargo no que relevou a Xesús Alonso Montero.
Segundo a normativa da institución, ata o momento da nova elección ocupará interinamente o cargo de presidente o secretario da executiva saínte, Henrique Monteagudo, que é a quen lle corresponde poñer en marcha o proceso electoral.
As candidaturas á presidencia da RAG, no caso de que haxa varios aspirantes, deben ser presentadas ata 48 horas antes da data que se fixe para o desenvolvemento do pleno extraordinario de elección.
No equipo ata o de agora liderado por Freixanes participaban Henrique Monteagudo (secretario); Andrés Torres Queiruga (vicesecretario); Marilar Aleixandre (tesoureira) e Fina Casalderrey (bibliotecaria e responsable do arquivo).
Na reunión do pleno da institución tamén se declarou a vacante producida polo pasamento de Xosé Ramón Barreiro, un historiador de referencia en Galicia que fora presidente da RAG entre os anos 2001 e 2009.