Falece aos 84 anos o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández

Foi presidente da Real Academia Galega e autor de numerosas obras, tanto ensaios especializados como libros de divulgación

Xosé Ramón Barreiro Fernández, nun acto do Día das Letras Galegas
Xosé Ramón Barreiro Fernández, nun acto do Día das Letras Galegas

Redacción

O historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández faleceu a madrugada deste mércores na Coruña. Tiña 84 anos de idade. Foi un referente na historiografía galega, tanto dende a docencia -sempre ligado á Universidade de Santiago-, como no seu papel como autor, cultivando dende as monografías especializadas ata as obras de divulgación. Ademais, exerceu un notable papel como xestor cultural en diversas entidades, entre elas a Real Academia Galega, na que desempeñou a presidencia entre os anos 2001 e 2010, e o Consello da Cultura Galega. Ambas entidades lamentaron o pasamento do historiador.

Nacido en Ribeira en 1936, Barreiro Fernández era licenciado en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma -onde tamén se doutorou- e en Filosofía e Letras pola de Santiago. Nesta última foi catedrático de Historia Contemporánea e o primeiro decano elixido democraticamente da Facultade de Xeografía e Historia. Tamén escribiu unha historia da Universidade compostelá -unha institución que, defendía «cambiou a historia de Galicia»- e tamén o libro-catálogo do Museo de La Voz de Galicia, ademais de coordinar, xunto con Ramón Villares, o equipo de especialistas da colección A Gran historia de Galicia que o xornal ofreceu aos seus lectores.

A prensa, precisamente, foi un dos seus ámbitos de traballo como historiador, un eido que o vinculaba con outro período polo que sentía un interese especial, como foi o século XIX e o liberalismo. O seu discurso de ingreso na RAG, en 1997, centrouse no liberalismo coruñés. «Para min, o XIX é o gran século de transformación», xustificaba a súa transcendencia. «O gran cambio, a gran revolución, é a que introduciu o liberalismo alá no século XIX, cando o home deixa de ser un súbdito e se converte nun cidadán». O carlismo, a imprenta e a súa historia en Galicia, as biografías dos deputados e senadores galegos son algúns dos temas sobre os que investigou e publicou diversas obras. Ademais, foi autor dunha celebrada biografía sobre Manuel Murguía, por quen sentía unha afinidade especial, xa que o primeiro presidente da Academia tamén era, coma el, historiador. A correspondencia de Murguía tamén foi obxecto dos seus estudos e publicacións.

Para Barreiro Fernández, a historia non só era a análise dos feitos do pasado, senón unha ferramenta para interpretar o presente e coñecer mellor a unha sociedade. O idioma, pero tamén «o xeito de reaccionar na vida, a morte, o amor, dun tipo de casa, de códigos de conduta colectivos, das crenzas»... todo iso formaba parte dunha cultura na que a historia constituía unha chave de coñecemento. Unha perspectiva que lle permitía interpretar a Galicia contemporánea e a actual, que no tránsito ao século XXI se atopaba nun gran momento de creación «no plano simbólico», aínda que Barreiro Fernández tamén advertía dun fenómeno de «perda de densidade cultural» que se debía aos cambios da sociedade, ao pasar de ser eminentemente rural a urbana e a globalización das tecnoloxías e comunicacións.

Nese eido tecnolóxico, Barreiro Fernández promoveu durante a súa etapa á fronte da Academia Galega a modernización do seu traballo, coa axuda das ferramentas dixitais, sentando as bases dunha informatización que se desenvolvería plenamente nos anos seguintes ata chegar a hoxe. Unha aposta de futuro de quen, non obstante, conviviu cunha enorme biblioteca privada, ata o punto de necesitar un piso para instalar os seus milleiros de volumes. Durante a súa presidencia, a RAG foi distinguida co premio Fernández Latorre no ano 2006. Pola súa banda, a traxectoria individual mereceu diversos galardóns, entre eles o Premio da Crítica, a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago e a medalla Castelao, que recibiu en 1991.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

Falece aos 84 anos o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández