Lourenzo Fernández Prieto: «O problema do galego é que se están a perder falantes a pasos axigantados»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

PEPA LOSADA

O historiador cubrirá a vacante de Luz Pozo Garza na Real Academia Galega

28 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) non empezou a falar galego ata os 14 anos. Criarase en Ferrol nas décadas do 60 e 70 do pasado século, onde o emprego da lingua propia na vida pública era moi residual. Pero, por convicción, decidiu asumir o seu compromiso coa terra. «Foi curioso, porque fun aprender inglés a Irlanda e volvín falando galego», admite. É un idioma que, dende entón, xamais deixou de falar e que agora cre necesario defendelo máis ca nunca ante a progresiva perda de falantes. Esta será unha das loitas do historiador, que é director do departamento de Historia na USC, na Real Academia Galega, na que na tarde do venres foi elixido como académico de número para cubrir a vacante de Luz Pozo Garza.

-Sente como unha responsabilidade substituír a Luz Pozo?

-Si, leva unha responsabilidade engadida, pero tamén estou moi feliz, porque eu son da Devesa, que está en Ribadeo, e ela era nativa de Ribadeo. Ademais era filla dun gran veterinario, Gonzalo Pozo, ao que eu estudei, e son bo amigo do seu fillo. Teño que estar a altura do seu traballo e do seu nivel, aínda que do literario é imposible. Pero por todo isto non só é unha responsabilidade engadida, senón tamén un compromiso engadido.

-En certo modo tamén cobre o oco deixado polo historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, recentemente falecido.

-Non o seu oco, porque o seu pasamento foi inesperado, e coincidiu fatalmente a miña entrada coa súa morte. Eu entro aí na medida de que tamén hai un grupo de investigadores, como Pegerto Saavedra, Barreiro ou Villares. E un dos fundadores e primeiro presidente da RAG foi Murguía, o que quere dicir que a Historia sempre estivo moi vinculada a Academia. Pero, infelizmente, hai un oco que Barreiro deixa como historiador que eu, sen querer e coincidindo, vou ocupar. O que si teño claro é que Barreiro, si estivera vivo, o que me diría con moita retranca é que o que queda claro é que vou cumprindo anos, e que por iso entro na Academia.

-Non o esperaba?

-Non. Todo o que teño feito na miña vida fíxeno traballando, pero isto non o traballei. Simplemente chamáronme. E eu sentinme moi honrado, privada e agora publicamente. Consulteino na casa e todo o mundo estaba satisfeito. E pensei, imos facer algo polo país.

-Ten xa algunha idea do que pensa aportar?

-Eu creo que aporto o meu traballo de historiador, que son 30 anos traballando na historia do mundo rural e do campesiñado e, nos últimos tempos, na historia relacionada coa ditadura franquista.

Por outro lado, en termos persoais, son o primeiro home que intentará representar unha nova masculinidade, na que eu creo e na que estou formado. E máis substituíndo a unha muller como Luz Pozo Garza. Haberá que estar á altura dos tempos neste senso.

-Entra na Academia nun momento de renovación. Ten algún favorito para presidila?

-Eu acabo de chegar e solo estou anunciado como académico, polo que creo que non me corresponde a min falar nese senso. O que podo dicir é que persoalmente aportarei todo o que poida. Estarei aí para traballar e para aportar.

-Pero cre, en todo caso, que se precisan cambios?

-Eu creo que necesita asumir as novidades nas que estamos. Que nalgún caso son negativas.

-A qué se refire?

-Non se pode negar a perda de falantes. Cando se institucionalizou o Día das Letras Galegas fíxose un gran invento, pero neste momento o problema non son as letras, que están consolidadas. E eu hai xa un ano, nun artigo na Voz de Galicia, o que fixen foi reclamar o Día da Fala, porque é o que está en risco neste momento. Estamos perdendo falantes a pasos axigantados, e iso require unha reflexión da Academia, das institucións, do Goberno galego e da sociedade. Euskadi gaña falantes, Cataluña non os perde e aquí perdemos falantes nós sós. Hai 40 anos o nivel de comprensión e da fala da lingua era considerable e a maioría da xente falaba galego. Hoxe os efectos formais e de aprecio da lingua están consolidados, pero, pola contra, non é unha lingua usada. Esa é a reflexión que a min me conmove e me parece importante.

-Como gran estudoso da represión franquista en Galicia. Quédanos moito por saber desa época, e sobre todo por asimilar?

-A cuestión non é só coñecer, aínda que é certo que queda moito por investigar, sobre todo queda moito de acabar de comprender e de relacionalo co noso presente. Somos pasado e temos marcas do pasado negativas, traumas que nos están afectando e non sabemos por que nos afectan, politicamente, socialmente, culturalmente ou familiarmente. Son traumas que non se resolven só coa literatura, senón recoñecendo social e colectivamente a incomodidade do pasado que tivemos e esclarecendo a verdade dese pasado. Foi o que fixeron os alemáns e os italianos, pero iso aquí non se acaba de amañar nunca. Se non superas a dor, nunca superas o pasado e o noso problema é que levamos toda a vida intentando superalo sen acabar de recoñecelo. Hai que coñecelo, hai que entendelo e logo hai que superalo.