As doce composicións de Sorte están agrupadas de tres en tres, a modo de trípticos pictóricos -«gústame facer xogos con outras disciplinas artísticas»-, e van describindo as diferentes partes do día, desde Orballo, que abre o primeiro tríptico denominado Sorte mística, ata Retorno, que pecha o de Sorte lúdica. Un traballo no que se dan a man desde a música clásica ao blues, pasando pola influencia da música tradicional galega e, como non, os elementos propios do jazz. «O meu ideal é integrar estilos musicais porque as linguaxes híbridas son as máis interesantes. Os prexuízos entre estilos é algo que me escandaliza», asegura este recoñecido intérprete de jazz, que engade que «na música hai unha tendencia xeral a integrar estilos e tamén épocas estilísticas, hai unha vontade moito maior que no resto da sociedade. Creo que o sistemas artísticos son a avanzadilla dunha maneira de pensar». Nese senso, reivindica a gran riqueza rítmica da música tradicional galega.
Sorte, se a situación sanitaria o permite, será estreado en directo o 11 de febreiro no Teatro Principal de Santiago. Ao día seguinte recalará en Oviedo; o día 13, en Salamanca; e o 20 chegará ao madrileño Auditorio Nacional de Música.