Xosé Vizoso: «Galicia é o máximo»

CULTURA

O deseñador de Sargadelos, cos 70 cumpridos, lembra a Díaz Pardo, co que traballou moitos anos, como un home irrepetible

11 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É posible que non coñezan a Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950), aínda que é máis difícil que non coñezan a súa obra. Na súa casa de Brión mestúranse cadros, esculturas, carteis... Todo mergullado co aroma de Sargadelos, a empresa á que este home dedicou a maior parte da súa vida. Falamos no xardín, onde a Vizoso, mentres ri, sáenlle por fóra da máscara os pelos do seu gran bigote.

-Este ano chegou aos 70, cifra redonda. Fíxoo reflexionar?

-Ás veces tamén hai que reflexionar, pero hai que levar a vida con filosofía. Non serve de nada darlle voltas á cabeza: hai que ir como hai que ir. A cousa é ir aguantando, que non é pouco.

-Como pasa os días?

-Ben, non teño problema. Estou acostumado a estar só.

-Segue en activo.

-Home, claro! Mire, aquí teño unha cousa para facer sobre Vidal Bolaño. Non me aburro, porque estou constantemente con cousas. Quería ordenar un pouco todo isto, pero vaime levar un tempo tremendo. Só de retratos de xente debo ter máis de mil.

-É moi fácil ver traballos seus por aí...

-Xa facía ilustracións no ano 1969, por exemplo das San Lucas, en linóleo.

-Faralle ilusión saber que o seu traballo está tan espallado.

-Claro que si. Ás cousas que fago téñolles un cariño tremendo. Son parte dun, coma fillos. Teño cousas por todas partes. Levaron cousas de Sargadelos ata ao MoMA de Nova York.

-Seguro que cando era un rapaz non contaba con que o seu traballo fose tan popular.

-Que va. Cando era un rapaz fun medio amargado para a fábrica [de Sargadelos], porque eu quería facer Belas Artes. Estiven un par de anos a desgusto.

-Antes xa gañara un premio nacional de escultura.

-Si, con 18 anos. Gañei unha medalla de ouro e cinco mil pesetas... ou quince mil, non recordo. Pero eran moitísimos cartos daquela. E a medalla tiña cor só por un lado, ha, ha! Era un pelouro de carallo.

-Xa de neno tiña a vocación.

-De neno teño recordos de estar sempre debuxando e facendo cousas. E logo tiven a sorte de ter como profesor de debuxo ao escultor Puchades, ao que lle debo moito, porque me colleu coma se fose fillo del.

-Lin que foi o seu profesor o que o levou a Sargadelos.

-Si, por unha nota na que se pedía un mestre en decoración para a nova fábrica de Sargadelos, que aínda estaba en construción. Estaba Isaac [Díaz Pardo] alí. Fíxome o exame e despois dun tempo chegoume unha carta na que me dicían que era a persoa idónea. E así foi.

-Alí traballou moi de preto con Díaz Pardo.

-Si. Tiven ese gran privilexio, estar sempre ao lado del. Foi impagable. Era unha persoa irrepetible. Todo o facía ben.

-E Sargadelos, un proxecto de éxito... Como puido virar así?

-Xa, esa é unha cousa moi triste. É moi complicado, e prefiro non... Dáme moita pena.

-Segue as tendencias da arte galega?

-Si, claro. Hai de todo, moita xente, pero iso é bo, que haxa moitos é sinal de que se fan cousas.

-Hai moita queixa, tamén, pola falta de interese por parte das institucións...

-Aquí, veña gaita e pandeireta. As institucións non invisten e o motor non anda.

-Vostede traballa por encargo?

-Eu fago o que me apetece. Ás veces debuxo nas marxes do periódico por non erguerme a buscar un caderno.

-No proceso creativo é todo inspiración ou máis traballo?

-Hai moito traballo detrás dos carteis, por exemplo. En Sargadelos aprendín disciplina, que hai que darlle moitas voltas ás cousas, cantas máis mellor. Se en vez de dous bosquexos fas vinte, mellor. E se fas cen, mellor aínda.

-Pestana falaba con moito sentimento de cando o nomearon fillo predilecto. Vostede tamén pasou por iso.

-Iso é... non grande, supergrande.

-Vai de cando en vez por Mondoñedo?

-Xa quixera ir máis, pero non podo.

-Alí teñen moita xente ilustre.

-Si, ha, ha! Debe haber unha pedra filosofal que inspira á xente .

-Vostede coñeceu tamén os referentes da súa xeración.

-Si, porque por Sargadelos viña tamén moita xente do exilio. Tiven esa sorte.

-Houbo algún que lle deixara unha pegada máis memorable?

-Isaac Díaz Pardo.

-Celta ou Dépor?

-Odio o fútbol. É unha forma de aparvar ao persoal. Aínda por riba co que cobran...

-Defínase en poucas palabras.

-Eu que sei! Procuro estar a ben con todo o mundo, axudar á xente e traballar.

-En poucas palabras tamén, que é Galicia?

-Galicia é o máximo, aínda que descoñecémola moito. Está moi explotada. Aquí todo o que funciona ben desaparece.

-Dígame algo que lle provoque noxo.

-A falsidade da xente. Non hai cousa peor.

-Elixa unha canción.

-Negra sombra, en calquera versión.

-Que é o máis importante na vida?

-Ir vivindo e deixar vivir.