García Lorca, por un neto do exilio

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

10 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os profesionais das Letras saben ben que sobre a obra literaria de Federico García Lorca téñense publicado miles e miles de páxinas. En efecto, a bibliografía sobre a súa poesía e o seu teatro é case oceánica, e nesa meda de páxinas, non poucas refírense ao Romancero gitano, de 1928, libro que o autor titulou Primer romancero gitano, convencido, daquela, de que existiría, no futuro, outro volume, ou outros. Eu penso que foi o seu libro de poemas máis lido, non só entre o gremio erudito senón entre os lectores escolares e, mesmo, populares. Lémbrese que é o poemario que nos ofrece textos como Romance sonámbulo, La casada infiel, Romance de la Guardia Civil Española... Unha estudosa, Gloria Rey Faraldos, chega a facer esta afortunada síntese do libro: exemplo xenial de poesía elaborada con materiais vulgares e que recrea unha Andalucía mítica, cun metaforismo lostregante e unha portentosa incursión nos abismos do amor e da morte.

Nunca está dito todo sobre certos libros. En xaneiro do presente ano, publicouse na cidade de México, en Bonilla Artigas Editores, o traballo de posdoutoramento Romancero gitano y De la tradición a las vanguardias, dirixido por James Valender, lorcólogo e dedicatario deste estudo académico. O autor, profesor de Literatura española moderna e contemporánea na UNAM, Juan Vadillo Comesaña, é fillo da poeta e antropóloga Mariángeles Comesaña e neto de dous galegos que, ao regreso do seu exilio mexicano, iluminaron co seu corazón e coas súas palabras o espírito de centos de vellos e novos amigos en Galicia. Falo, obviamente, do doutor Francisco Comesaña, de Tui, e de Asunción (Choncha) Concheiro, de Ordes. El era de nobre facundia e xenerosa condición, e ela, un espírito fermoso -como a súa figura- e agasalleiro. Xa retornados, na súa casa de Tui falábase -falabamos- moito da vida e da obra de Federico, mentres un neno, o neto, Juan Vadillo, deixaba os seus xogos de vacacións para oír cancións de Lorca ou poemas de Antonio Machado, fillo de «Demófilo», o intelectual que recolleu, no XIX, os cantos populares flamencos, outra das indagacións do profesor Juan Vadillo Comesaña.

Porque, no xenial Romancero gitano, o esencial da súa poética está no feito de que Lorca fai poesía de vangarda a partir de elementos e símbolos da tradición popular andaluza, idea xa esbozada, antes, por outros estudosos pero precisada e demostrada con rigor no traballo que nos ocupa. Precisada, tamén, dun xeito especial: mergullándose o profesor Vadillo en nove das doce conferencias -doce pezas de arte- nas que Federico, dun xeito ou doutro, fala de Estética e da súa Estética, criterios que Juan Vadillo ten moi en conta á hora de explicar o Romancero gitano, libro sobre o que o propio Lorca pronunciou unha conferencia cunha revelación coa que Juan Vadillo se identifica e explica: o único personaxe do Romancero gitano é a Pena. Foi, en efecto, un libro, ademais de lostregante, profundo.