Tir na nÓg

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

30 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tir na nÓg para os celtas irlandeses é o paraíso, a terra da eterna xuventude. Un lugar situado no occidente, máis aló das beiras poboadas polos vivos, e normalmente concibido como unha illa marabillosa a onde se chega despois dunha penosa viaxe ou polo convite dalgunha das fadas que alí moran.

En Tir na nÓg non existen nin o tempo, nin a enfermidade, nin a morte, só beleza e felicidade. É un lugar, segundo diferentes escritos irlandeses, onde se formaron moitos guerreiros e homes místicos.

Unha das historias máis coñecidas sobre esta lendaria illa máxica é a protagonizada polo guerreiro Oisín, da tribo dos Fianna, un dos numerosos pobos que pasou por Irlanda segundo o seu libro das invasións. Oisín era un brillante guerreiro, fillo de Fionn mac Cumhaill, líder desa lendaria tribo. Un día atopouse con Niamh, a filla do rei da mítica illa da eterna xuventude. Era unha muller de enorme beleza, que chegou montada nun fermoso cabalo branco na procura do gran guerreiro para levalo con ela a Tir na nÓg. Oisín quedou fascinado da súa fermosura e marchou con ela para a súa illa máxica galopando a través do mar.

Alí pasaron momentos de moita felicidade xuntos, pero o corazón de Oisín tiña saudades da súa terra, Irlanda, de seu pai o rei Fionn e dos seus amigos, polo que decidiu volver para velos de novo ante a reticencia da bela Niamh, quen tentou persuadilo para que non fose, mais non puido. Cando chegou á súa terra non coñecía a ninguén, e apenas lembraba nada porque o que para el foran uns poucos anos na illa de Tir na nÓg na realidade dos humanos foran trescentos.

Lendas con características semellantes a esta son comúns en moi diferentes culturas, onde as viaxes espazotemporais son habituais, así como a lenda xaponesa de Urashima Taró. En Galicia temos as de santo Ero da Armenteira, recollida polo propio rei Afonso X o Sabio nunha das súas cantigas de Santa María, a do monxe Trezenzonio ou a de santo Amaro, sempre á procura do paraíso situado, segundo as tradicións, nunha illa alén das fisterras dos vivos.