O Courel, alén da ollada visible

Diana Toucedo estrea este venres «Trinta lumes», unha aproximación ao despoboamento e o esquecemento, ambientada na serra luguesa, a través dos ollos dunha cativa de 13 anos

Diana Toucedo e a directora de fotografía, Lara Vilanova, nunha imaxe da rodaxe coa actriz Alba Arias
Diana Toucedo e a directora de fotografía, Lara Vilanova, nunha imaxe da rodaxe coa actriz Alba Arias

redacción / l a voz

«Ás veces, o que nos rodea de forma invisible é máis poderoso que o visible». Esta frase de Diana Toucedo (Redondela, 1982) resume o espírito que paira sobre Trinta lumes, a longametraxe da cineasta que este venres chega ás salas galegas, logo do seu paso por varios festivais, entre eles a última edición da Berlinale. Rodada no Courel, a cinta esculca alén da ollada visible para revelar, a través da mirada dunha cativa de 13 anos, Alba, outro mundo, que adopta dúas formas: a física, o despoboamento, e a incorpórea, o esquecemento.

«Nesta película quixen pescudar nesa gran capacidade nosa para sentir aquilo que non captamos pola mirada, pero si a través dos demais sentidos», explica Toucedo, quen pon como exemplo o mundo natural como unha presenza rica neses estímulos que activan a memoria. Alba -Arias- e o seu amigo Samuel -Vilariño- son os protagonistas dunha produción que tamén se pregunta polos límites formais do documental. Sobre a premisa do que podería parecer unha historia de misterio, Trinta lumes tamén propón un achegamento a esa serra do Courel e á cultura secular que desenvolveron os humanos que a habitaron, e da que hoxe fican testemuños: casas deshabitadas, tradicións, relatos.

Co gallo da estrea do filme, Toucedo e o equipo da película prepararon unha serie de pases especiais en catro cidades galegas. En Lugo, este venres día 8 a directora manterá un coloquio nos cines Códex (20.00 e 22.15 horas), acompañada por Alba Arias, Orlando Gregorio Álvarez, Bela Rubinos e Uxío Novoneyra Rey.

En Santiago, o venres está confirmado un pase en Númax (18.10 horas) con Toucedo e Jorge Coira, mentres que o sábado 9 haberá outros dous, ás 15.45, coa cineasta e Alba Arias, ademais de Margarita Ledo, e ás 19.45, ao que se sumarán Uxío e Branca Novoneyra. O domingo día 10 celebrarse un encontro con Toucedo (11.30) e un coloquio posterior á proxección das 17.50, no que tamén participará Sergio Moure, autor da música de Trinta lumes.

Na Coruña, será precisamente o compositor o que presentará o filme nos Cantones (22.00 horas) o venres, co poeta Vicente Reboleiro, que tamén participará noutro pase ao día seguinte (22.00 horas).

En Vigo, os pases serán nos Multicines Norte: o venres (20.00 horas) presentará o filme Ángel Santos, director do festival Novos Cinemas, mentres que o sábado (20.00 horas) esta tarefa correrá a cargo de Carme Adán. Pecha esta quenda de presentacións José M. López, fundador da revista Tren de sombras, o domingo día 10 (20.00 horas).

Para a directora, O Courel é máis que o escenario de Trinta lumes. Toucedo bota man da visión que tiña da serra Uxío Novoneyra, que se refería a un iceberg, algo co que coincide a cineasta, que ve neste lugar «un sitio cun mundo máis oculto ca visible». Ese reto de revelar o que se agocha, ademais da loita por permanecer, foi o propósito que levou á autora a concibir o filme como unha reivindicación do poder dos sentidos.

«Trinta lumes», de Diana Toucedo, estréase nos cines o vindeiro 8 de febreiro

X. F.
Trailer de 'Trinta Lumes' O filme de Diana Toucedo estrearase o 8 de febreiro

A película, ambientada no Courel, retrata o despoboamento da serra a través dos ollos dunha nena e o seu amigo

Despois de cativar na súa proxección na pasada Berlinale, o filme Trinta lumes, de Diana Toucedo, chega aos cines o vindeiro 8 de febreiro. A cinta sérvese da ollada de Alba, unha nena de trece anos, para retratar a serra do Courel a través das súas paisaxes natural, humana e espiritual. Xunto co seu amigo Samuel, Alba, en quen latexa unha forte curiosidade pola morte, entra en casas abandonadas e percorre pobos derruidos. A película amosa o visible, pero tamén evoca o invisible, que moitas veces pode chegar a ter unha presenza máis poderosa.

«Esta forma de comprender a vida, e a morte ao mesmo tempo, fascinoume dende o primeiro momento no que comprendín que O Courel en si mesmo era un lugar cun mundo máis oculto que visible, era un iceberg, como dicía o poeta courelán Uxío Novoneyra», relata Toucedo, guionista e directora dun filme que conta tamén coa música de Sergio Moure.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Tags
Comentarios

O Courel, alén da ollada visible