«Trinta lumes», de Diana Toucedo, estréase nos cines o vindeiro 8 de febreiro

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Trinta Lumes

A película, ambientada no Courel, retrata o despoboamento da serra a través dos ollos dunha nena e o seu amigo

05 feb 2019 . Actualizado a las 16:10 h.

Despois de cativar na súa proxección na pasada Berlinale, o filme Trinta lumes, de Diana Toucedo, chega aos cines o vindeiro 8 de febreiro. A cinta sérvese da ollada de Alba, unha nena de trece anos, para retratar a serra do Courel a través das súas paisaxes natural, humana e espiritual. Xunto co seu amigo Samuel, Alba, en quen latexa unha forte curiosidade pola morte, entra en casas abandonadas e percorre pobos derruidos. A película amosa o visible, pero tamén evoca o invisible, que moitas veces pode chegar a ter unha presenza máis poderosa.

«Esta forma de comprender a vida, e a morte ao mesmo tempo, fascinoume dende o primeiro momento no que comprendín que O Courel en si mesmo era un lugar cun mundo máis oculto que visible, era un iceberg, como dicía o poeta courelán Uxío Novoneyra», relata Toucedo, guionista e directora dun filme que conta tamén coa música de Sergio Moure.

Trinta lumes presentouse por primeira vez no Festival de Cine de Ourense e dende entón xa se puido ver na Berlinale, en Málaga, en Novos Cinemas de Pontevedra ou o Festival Primavera de Vigo, entre outros certames. Foi nominada á mellor película documental nos premios Gaudí e finalista ao mellor documental nos Feroz.