Diana Toucedo: «O cinema galego está no seu mellor momento pero necesita visibilidade»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Presentará mañá na MICE «Trinta lumes», un filme que formou parte da Berlinale

23 ene 2019 . Actualizado a las 20:44 h.

Traballou na montaxe de filmes para Fernando Trueba ou Isaki Lacuesta, pero Trinta lumes é a primeira longametraxe de Diana Toucedo (Redondela, 1982) como directora. Un debut co que chegou a Berlinale e co que acadou cinco nominacións para os Premios Mestre Mateo. Mañá (Salón Teatro, 20 horas), a cineasta presentará este traballo na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico dentro da sección Etnografía, muller e cinema.

-Agardaba o percorrido desta ópera prima?

-Foi unha sorpresa tremenda. Levaba coa película case seis anos, compaxinándoa con moitas cousas e tamén tendo moitas dúbidas, porque foi mudando moito polo camiño. Sempre desexas chegar a certos festivais e obter esa visibilidade, como en Berlín ou Málaga. O de Berlín foi unha gran sorpresa e supuxo confiar en que a película tiña algo de moito valor. Hai que pensar que un festival como ese recibe entre 4.000 e 5.000 películas de todo o mundo.

-O seu filme supón converter algo local baseado no Courel en universal. É ese o reto?

-Sempre tés a dúbida, pero eu confío moito. Eu vexo moita cinematografía e, de repente, unha historia da Tailandia profunda me fascina ao igual que outra que vén de Senegal ou Perú. É moi forte cando un autor consegue narrar dende o que ten máis cerca, cuns códigos moi concretos, e, a partir de aí, é capaz de comunicalo e transcender eses códigos para que unha persoa nas antípodas se poida conectar con iso ou, polo menos, lle sexa suxerente. Confiei moito sempre no Courel, nesa Galicia interior que ten agochados moitos tesouros. Cando empecei a ir alí tiña moito na cabeza unha frase de Uxío Novoneyra que definía O Courel como un iceberg no que só podiamos ver o que estaba enriba, pero que o que estaba abaixo era inmenso. Para min foi un reto cinematográfico porque había que desvelar e poñer á luz cousas que aquí coñecemos pero que tiñan que chegar dun xeito máis sensitivo a un espectador alleo.

-Mírase cada vez máis cara as raíces no cinema, ten máis presenza a etnografía?

-A etnografía e a antropoloxía visual vai por épocas. Sempre está aí, pero está a mudar moito. O cine etnográfico de hai 40 anos non ten nada que ver co de hoxe en día. A etiqueta de etnográfica para a miña película igual lle pode quedar curta, ou Trinta lumes lle aporta novos matices a esa etiqueta. Non sei se hai un renacemento da mirada etnográfica ou se hai unha necesidade de ollar a cousas máis familiares.

-Mezcla ficción e documental, hai menos límites entre xéneros?

-Si, porque no fondo é exploración e experimentación coa linguaxe cinematográfica. As narrativas máis convencionais quedaron máis nas series de televisión e está habendo un cinema que explora.

-A súa película na MICE está enmarcada nunha sección coa muller como eixe vertebral. No certame tamén están Olaia Sendón, Ángeles Huerta, Xisela Franco... Queda moito camiño por andar para darlle visibilidade?

-Si. Somos moitas mulleres que estamos facendo cinema, pero sempre estivemos detrás, por estar en departamentos máis técnicos ou porque non tivemos oportunidade de dar o salto a certas producións que teñen visibilidade. Queda moito por facer e mulleres ás que descubrir e darlle oportunidades e voz.

-Está en Barcelona, como se ve o cinema galego dende fóra?

-Sei que o cinema galego necesita máis visibilidade. Está como nunca antes, estamos chegando aos festivais internacionais, conseguindo premios..., o que é moi importante. Pero non estou segura que este cinema se estea a visibilizar. En Barcelona hai xente que o coñece, pero tampouco tanta. Aí é cando detectas que igual aínda que se coñeza non é suficiente.

A cineasta. Diana Toucedo levaba anos traballando na montaxe e Trinta lumes foi a súa primeira longametraxe. Agora prepara outra con seu pai, capitán de barco pesqueiro, de referente.

«Trinta lumes». Alba, de 12 años, tenta descubrir o descoñecido nas casas abandonadas do Courel.