«Trinta lumes»

CULTURA

05 feb 2019 . Actualizado a las 05:01 h.

Pódese contar a crise do universo campesiño, o abandono das aldeas e o baleirado do mundo rural. Pódese contar a mestura de desamparo e loita pola supervivencia ante ese proceso de extinción. Pódese contar o desacougo na encrucillada adolescente nese intre histórico en que trema a liña do horizonte. Pódese contar a resistencia dun tempo interior, subxectivo, fronte a maquinaria apisoadora do tempo unidimensional da sociedade de masas. Nesa crise material e existencial, pódese contar a quebra de vínculos entre a parroquia dos vivos e dos mortos. Pódese contar o malestar dos vivos e dos mortos pola perda dese fío de transmisión entre o aquén e o alén, nun universo cultural en que a imaxinación dos mortos estaba presente na imaxinación dos vivos. Pódese contar que os mortos non están de acordo co afundimento dos vivos. Pódese contar a vida de quen non acepta a anulación da memoria, de quen é portadora dunha melancolía activa que lle permite oír o rumor do soterrado e ver as muxicas do invisíbel. Pódese contar unha cousa ou outra, mais como contar a historia social dende a perspectiva da historia das almas? Iso faino Trinta lumes. Unha marabilla fílmica que esculca neste tempo histórico e crea outro tempo, o dun paraíso inquieto onde caen anxos e trabes, onde a terra fala cunha terríbel beleza.