En «Os contos da avoa Pepa» Fernández Naval reinterpreta para as novas xeracións as narracións que a súa nai lle relataba de neno
13 dic 2018 . Actualizado a las 13:25 h.
«A idea deste libro nace durante un soño», explica Francisco X. Fernández Naval (Ourense, 1956) sobre Os contos da avoa Pepa (Kalandraka). E que soñou o escritor? «Unha noite espertei de madrugada coa idea de que debía contar as historias que a nosa nai, que era unha extraordinaria narradora oral, nos contaba de nenos», explica o autor. Esas historias eran «fábulas do tempo en que os animais falaban, cantigas, adiviñas, memoria da ribeira do río Miño, tamén a memoria familiar», lembra Fernández Naval. «Decateime, entón, de que os seus contos podían ser os de moitas outras nais e avoas, e pensei que axudar a manter viva a memoria das avoas é algo necesario, polo ben da comunidade, por xustiza e porque medramos soñando con moitos mundos, tamén con ese», describe o xermolo de Os contos da avoa Pepa.
Trátase, xa que logo, dunha obra que remite a outros mundos que, malia o que cambiou o actual, o de hoxe en día, aínda seguen nel. «O mundo cambiou», concorda o autor, quen advirte que xa na súa nenez aos contos xa lles xurdiran competidores. Hoxe son as pantallas móbiles, antano eran «o cine, historietas ás que lles chamabamos chistes, a televisión». «Porén, con todo iso conviviron estas historias, un universo rico e complexo que non desaparece porque forma parte do noso acervo colectivo. É o substrato sobre o que asenta o noso xeito de ser, algo que está por baixo dese “vivamos como galegos” da publicidade», engade.
Ese substrato agromou, incesante, na literatura galega. Fernández Naval pon como exemplo as achegas de Emma Pedreira e Alfredo Conde ao lobishome Manuel Blanco Romasanta, «suceso que está moi por riba de calquera fabulación de Hollywood». E non só como temas, senón tamén na forma: «Os escritores, ás veces, procuramos ese dicir da oralidade que é como un canto, un narrar cunha base rítmica que nunca decae, a posibilidade de encabalgar historias, de transcender mundos, de procurar a identificación co lector compartindo o universo máxico que nos alimentou, os personaxes míticos que soñamos».