Xosé Carlos Caneiro: «As columnas son a miña biografía»

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

O escritor recolle 60 artigos de «O país das marabillas» nun libro dedicado a Santiago Rey Fernández-Latorre e Carlos Casares

03 ene 2018 . Actualizado a las 17:47 h.

Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) leva máis de 25 anos colaborando con La Voz de Galicia. Un tempo no que, porén, non recollera artigos seus en libro. Esta débeda queda saldada coa recollida de 60 das súas columnas de O país das marabillas nun volume homónimo (Auga Editora) e que está dedicado a dúas persoas: o editor Santiago Rey Fernández-Latorre e o escritor Carlos Casares.

-¿Que balance fai da súa traxectoria como columnista?

-As columnas periodísticas forman parte da miña vida como escritor, como literato, pero tamén como ser humano. En realidade configuran o meu espello exacto. Non hai engano posible. Eu son o que levo escrito dende que tiña vinte anos, con nome e apelidos, sen ocultarme nunca. As columnas de xornal son a miña biografía. Pero tamén o meu modo de conectarme co mundo e distanciarme da ficción, do mundo de mentira que habitamos os escritores. Aínda que eu entendo tamén o columnismo como unha arte literaria, ou sexa, de vocación inequivocamente estética.

-O libro está dedicado ao editor de La Voz de Galicia. ¿Que papel lle atribúe no xornalismo?

-É o último gran editor de Galicia e de España. Independente e comprometido cos valores esenciais do periodismo: a liberdade e a verdade, pero tamén a protesta e a reivindicación, a insubmisión e a crítica. Non coñezo outro editor que poida equipararse con el en coraxe e honestidade intelectual. As cabeceiras pasan por momentos ingratos, xa non responden ás inclinacións da cidadanía, senón ás ideoloxías e aos grupos de poder económico que as sustentan. La Voz é unha excepción nese panorama funesto. O seus intereses, e así o ten demostrado nos asuntos fundamentais que nos afectan, son Galicia e os galegos. Un periódico portentoso, sen complexos, e o único no que se expresan con absoluta liberdade intelectuais de todas as tendencias. Talvez por iso, e fundamentalmente polo talento e pericia dos seus profesionais, é un dos catro xornais máis relevantes de España.

-E homenaxea a Carlos Casares...

-Pensei que era un bo modo de celebrar a acertada idea da RAG de dedicar o Día das Letras Galegas a Casares. Unha boa idea, repito, algo pouco usual nesta institución nos últimos tempos, máis dedicada á ideoloxía que a levantar con orgullo e sen sectarismos o idioma e a literatura que lle dan razón de ser. Quixen sumarme ás merecidas homenaxes ao mestre ourensán e inventei este país das marabillas na contraportada dos xoves: columnas amenas, amables, con recantos de humor e emotividade. Literatura benévola, de raíz humanística e coa pretensión de conquistar o corazón dos lectores. O columnismo importa cando é seguido fielmente, con lealdade ao autor. Se non hai lectores fieis, o columnista fracasa.

-¿Como conviven o autor de libros e o escritor de columnas?

-Non sei separar as miñas columnas da contraportada da miña literatura, son o mesmo, partícipes dos mesmos principios. O coidado estético, fundamentalmente, e a vocación de construír unha voz propia, diferenciada e persoal. Pero non quero esquecer a outra parte do meu columnismo, as opinións políticas e literarias, oficio que levo practicando dende hai vinte e cinco anos neste periódico. Como dixen no comezo da entrevista, son o meu espello. Pero tamén un bálsamo para distanciarme da soidade. A historia da miña vida como escritor e como intelectual é a declarada, artigo por artigo, en La Voz de Galicia.

-¿Como entende a comunicación cos seus lectores? ¿Anécdotas?

-Cortázar dicía que é moi triste escribir para o silencio. Con moitas novelas ou poemas sucede. No periodismo tal condición é imposible. Entre outras razóns porque se non tes lectores, a empresa tampouco terá ningún interese polas túas prosas. Eu sempre fun polémico. Porque o librepensamento é polémico, curiosamente. E tiven contestacións de todo tipo. As que non soporto son as de corte totalitario. As daqueles que defenden a súa liberdade pero ignoran a liberdade dos outros. Detesto aos que calumnian e difaman gratuitamente. Tamén as modas do politicamente correcto. Pero a min nin me calaron antes, nin me van calar agora. ¿Anécdotas? Moitas. Dende o club de lectoras que se reunía cada xoves tomando café para comentar as columnas, ata coñecer hai moitos anos a un dos meus grandes amigos da actualidade grazas ao periódico. Unha amiga tróuxoo a Verín, enganado, para coñecer ao autor dunha columna que el recortaba e coleccionaba titulada De bar en bar. Porén, de todos estes anos de columnista, quedo cos periodistas, pura raza que admirei e admiro, os insubornables e xenuínos. Eles son os que en verdade fan do periodismo unha profesión extraordinaria. La Voz de Galicia abriga e abrigou aos mellores.