Abrazar e seducir a palabra

Ramón Nicolás OPINIÓN

CULTURA

10 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Casares posuía unha rara calidade como era a de abrazar e seducir a palabra. Acotío transmitía ese valor na conversa espontánea e non o esquecía cando escribía para orgullo dunha tradición literaria na que cumpriu un papel clave para construír o que entendemos como un prezado patrimonio. O posible horror vacui diante do folio en branco, diante da pantalla dun portátil, onde a incógnita da barra vertical tremelica cando se detén o discurso, sospeito que se diluía de vez co espírito intuitivo e fértil que o dominaba para convertelo nunha prosa fluída e á vez relucente. Mais non se trata só de intuición, nin sequera de talento, que o había ás mancheas. Ler a Casares é deixarse asolagar pola palabra de alguén que ten como bandeira depurar e pulir arreo: velaí, se cadra, unhas das claves da naturalidade dun escritor que funde modernidade e tradición, que infiltra na súa obra as vivencias evocadas ás veces desde un Macondo particular, quen sabe se situado en Xinzo, Ourense, Nova York, Vigo, Suecia ou Berlín, ás veces desde outro Yoknapatawpha singular e felizmente fabulado. Territorios cos que construíu universos literarios polifónicos e versátiles que son un poderoso xogo de espellos entre memoria e historia.

Nunha entrevista sinalaba que admiraba a Pla, Stendhal, Camus, Dostoiewski e Dickens. Abofé que o mellor deles circula na súa obra e, se engadimos algunhas voces como as da época Nós e outros narradores europeos e americanos do seu tempo, obtemos pistas para situar con garantías os marcos da súa narrativa. Con todo, e permitiráseme a dose de chauvinismo, para nós é aínda máis porque nos resulta próximo, porque o lembramos, porque foi e é noso.

Todos os seus libros sen excepción adoptan un feitío diferente e, sobre todo, non agochan esa estraña propiedade que anima a ler máis, sen dúbida unha das súas grandes virtudes. Esa foi a miña experiencia mesmo desde unha proposta vangardista como Cambio en tres; desde esa marabilla que é Os escuros soños de Clío, admirable por transgresor e divertido; desde esa senlleira cartografía de nós que é Un país de palabras. Todos os seus títulos testemuñan como a súa foi unha achega que seduce cunha palabra que nos fala da propia condición humana. A milleiros de persoas regaloulles horas de lectura cheas de gozo e de aprendizaxe. Bo é honralo e agradecerlle o seu oficio de escritor pois con el tamén defendeu e impulsou, con convicción, a lingua nosa.