A por eles

Fran Alonso

CULTURA

Eu adoito ser unha persoa tranquila ao volante, pero aquel día conducía como unha posesa. Pisaba a fondo o acelerador, sabendo que o motor do camión me respondería porque viaxaba sen carga. Moitos coches apartábanse, bastante soprendidos de que os rebasase un tráiler a tanta velocidade. Estaba emperrenchada con perseguir os ocupantes daquel Nissan Patrol que mazara o meu camión e se dera á fuga decontado.

Non había máis que falar, aquel non fora un bo día para min e, á acumulación de sucesos varios e azarosos, engadíase agora aquel incidente. Estaba claro que os fados non me acompañaban. E a min sempre me impresionou a teimosía do azar.

Perseguíaos obcecada. Porque cando vexo unha inxustiza apértanseme os intestinos e a cabeza rebéntame de carraxe. Non podo soportalo. Cando presenciei como aquel Nissan Patrol embestía o meu camión e a continuación despegaba marcha atrás para liscar canto antes, nin sequera intentei actuar con acougo.

En realidade non era o golpe o que me alporizara tanto, senón o feito de que o condutor do vehículo tratase de fuxir. E o peor é que acaeceu diante dos meus fociños.

En canto vin que o Patrol saía a fume de carozo, berreilles a Lolo e á súa acompañante que subisen axiña ao camión e, sen pensalo dúas veces, saín atrás deles. O tráiler tiña un forte golpe lateral pero non afectaba á súa capacidade para circular.

Naquel intre o volante absorbía toda a miña furia. Pola contra, a nitidez do día transmitía sosego. O fondo da ría, coa illa de San Simón no medio, refulxía. Semellaba estar ao alcance da man. Apetecía tocala. Pero nin sequera a pracidez do día me serenaba: levaba o xenio transido. Sabía que podía darlles alcance e quería facelo.

Entrementres, Lolo xuraba coma se ningunha outra palabra fose capaz de saír da súa boca:

-Cabrón, maldito cabrón- roñaba recuncando unha e outra vez. As súas palabras encirrábanme aínda máis. A cría, en cambio, permanecía silandeira.

Cando Lolo parou, por fin, de maldicir, permaneceu un anaco calado. Logo espetoume con voz tatexante:

-Camila, creo que era o Nissan Patrol de Mauro.

Quedei totalmente desconcertada.

-Que dis? Non pode ser!- respondín estupefacta.

El afirmaba coa cabeza.

-Pero non conducía el, non?- pregunteille aparvada por aquela información.

-Non, claro- contestou. E engadiu: -supoño!

Eu tamén supoñía que non, pero a posibilidade de que o coche dun empregado meu, estivese quen estivese ao volante, embestise un dos meus camións e acto seguido fuxise parecíame un incidente moi grave.

Naquel intre veume á cabeza unha ocorrencia absurda: lembrando os condutores suicidas que actúan en nome do Islam, pregunteime se o golpe que acababa de presenciar sería fortuíto ou podería responder a algún tipo de vinganza. Ben pensado, era unha posibilidade moi estraña, pero estaba practicamente segura de que ía lograr averigualo.

-Non o vas alcanzar, lévache moita dianteira- dixo Lolo.

A cría, que non abrira a boca, arrimouse a el e pediulle prestado o seu teléfono móbil. Estaba moi pálida e eu relacioneino co mareo, pero non estaba disposta a aminorar a marcha. Ao contrario, fíxenlle unha chiscadela a Lolo e, baténdolle no costado de xeito cómplice, reteino:

-Xa verás como o collo!

A cría, allea a nós, comezou a marcar un número de teléfono compulsivamente. Eu botei man da emisora e soliciteilles axuda aos outros camioneiros.

-Por favor, compañeiros, quen me copia? Quen me copia, compañeiros?

Algúns camioneiros comezaron a responder.

-Preciso axuda, por favor. Necesitamos neutralizar un Nissan Patrol que nos golpeou e fuxiu. Un Nissan Patrol azul.