Acelerón

Fran Alonso

CULTURA

29 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O golpe contra aquel camión deixárao un tanto pasmado. Lograra facer o cambio de sentido á brava na área de servizo, pero non contaba con rematar cun impacto tan forte. Aínda así, o Varas reaccionou con celeridade. Meteu a marcha atrás para despegarse do camión, comprobando que o coche funcionaba sen problemas, e saíu a todo gas para incorporarse á autoestrada en dirección á Coruña. O camión quedaba atrás, con danos moi evidentes no lateral esquerdo. A parte dianteira do Patrol tampouco saíra ben parada, pero iso non lle impedía circular.

-Onde estamos?- preguntou Rica, que parecía completamente atordada.

-Voando cara á Coruña, como querías!

Incorporouse á autoestrada logo de esquivar un Ford Focus que circulaba amodo e lle entorpecía a manobra de aceleración. Adiantouno lambéndolle o cu, mentres asexaba a Rica de esguello. Ela baixaba o quitasol e bufaba, espertando do seu atordamento. Mirouse no espello do quitasol.

-Co golpe quedei totalmente despeiteada, Varas.

Era verdade. Non reparara nos pelos de tola que tiña. Volveu empregar a bucina, esta vez insistentemente, para espabilar o condutor dun Audi que non se apartaba do carril rápido. De cando en vez miraba polo retrovisor, pero semellaba que a Garda Civil lles perdera a pista. Por se acaso, non baixaba a velocidade. Ademais, quedaban case 150 quilómetros para chegar á Coruña. A voz enrabexada de Rica volveu chamar a súa atención.

-Es un bruto, Varas. Como vou pasear con estes pelos polos Cantóns da Coruña?

-Mexas moi alto, Rica.

O home baixou a xanela e cuspiu. Logo engadiu:

-Naciches para princesa pero es pobre coma unha rata!- berrou ceibando unha gargallada de burla.

De súpeto, Rica lembrou que tiña no bolso un móbil que lle birlara en Baiona á súa filla. Estaba en silencio.

-Vou chamar a miña irmá, para que conte connosco- dixo.

Do asento de atrás escoitouse a voz de Dixie:

-Mamá, Pixie está sangrando polo nariz desde que chocamos co camión.

Rica esperou a que rematase a voz que anunciaba que o móbil da súa irmá estaba apagado ou fóra de cobertura. Concentrouse en intentar recuperar o seu peiteado fronte ao espello. O Varas buscou polo retrovisor o rostro do neno. Tapaba o nariz coa man.

Pisou o acelerador a fondo para adiantar un BMW que tiña demasiada potencia e non o daba pasado.

-Este cabrón está acelerando para que non o adiante!- exclamou o Varas alporizado.

-Pois vai saber quen son eu!- bramou realizando unha manobra de falsa colisión lateral co BMW, abeirándose a el perigosamente.

O condutor do BMW deu un acelerón, sobrepasándoo polo carril lento e poñéndose fóra do seu alcance. Cando chegou á altura dunha furgoneta pasou ao carril rápido, situándose en paralelo e reducindo a velocidade ata obrigar o Nissan Patrol de Varas a frear, atrapado naquel tapón.

-Varas, non fagas máis parvadas, que xa estou despeiteada dabondo. Que vai pensar a miña irmá cando me vexa!

A voz de Dixie volveu soar desde o asento de atrás:

-Mamá, Pixie non para de sangrar.

-Que?- Rica volveuse para ela, coma se escoitase por primeira vez.

-Que sangra moito polo nariz. Golpeouse cando batemos contra o camión.

Rica contestou lacónica:

-Pois que colla un pano e que se limpe, que axiña chegamos á Coruña.

De súpeto sentiron no estómago un acelerón. O Varas aproximou o morro do Patrol ata bater levemente coa parte traseira do BMW. O vehículo abaneou e, decontado, botouse a un lado. O Varas aceleraba e ría estrondosamente mentres o condutor do BMW, practicamente detido na beiravía, facía soar ininterropidamente o claxon. Cando as gargalladas do seu pai cesaron, volveu oírse a voz de Dixie:

-Mamá, teño moita gana de facer pis. Non aguanto máis!