Imaxes de valor e gran calidade plástica

La Voz

CULTURA

Arecuperación de varios filmes vinculados a Cunqueiro só é a punta do iceberg que gardan moreas de latas de película con celuloide, espalladas por cinematecas, arquivos e particulares, que agardan pola súa catalogación, restauración e difusión, mesmo desde comezos do século XX. Un traballo que require de medios económicos e técnicos, pero tamén de moito rigor e moita paciencia. No Centro Galego de Artes da Imaxe, a filmoteca de Galicia, levan niso desde a súa fundación e forma parte do seu ser como membros da FIAF, a Federación Internacional de Archivos Fílmicos. O listado de materiais devoltos ao patrimonio cultural galego pola vía da recuperación é considerable e meritorio. Despois do gratificante labor de rescatar as imaxes de Castelao no que atinxe a persoeiros da nosa cultura, chegoulle a hora a Cunqueiro como será no futuro a doutros dos que coñecemos a existencia de filmacións abondo agardando a súa quenda. Nos fondos do No-Do vinculados a Galicia e mais no arquivo de TVE dos anos sesenta e setenta, o CGAI aínda extraerá moitas sorpresas.

Mentres iso ocorre, chegan agora tres filmacións do xénero documental, en 35 mm, en branco e negro e a cores, que certifican unha faceta ben coñecida en Cunqueiro, a dun comunicador, ben a través da súa escrita de guións (Galicia, Xantares) como brevemente na de presentador (Verde y mar), entregado á tarefa de dar promoción ao seu país, desde a antropoloxía e, sobre todo, desde a gastronomía. O compromiso dos nosos escritores históricos co cine e despois coa televisión non foi nin doado nin abondoso, agás casos moi puntuais. O de Castelao (con obra adaptada e mesmo como actor en Miss Ledya, 1916), o de Blanco Amor (guionista e igualmente adaptado), o de Dieste (guionista), o de Seoane (como ensaísta e crítico), e moi pouco máis. A maiores, ao de Mondoñedo vincúlase á obra primeira de dous autores que deron gloria ao cine español, Guerín Hill e Pedro Olea, en imaxes de gran calidade plástica, afastadas da compracencia publicitaria.