Nós somos nós

Camilo Franco

CULTURA

Non sei se están os tempos para manifestos. Agora a xente non le coa mesma paixón. Pero o tempo das metáforas pasou. Para quen confunda nación con literatura onte foi un día nacional e hoxe hai resaca porque han de volverse colocar os mobles onde estaban antes. Os galegos somos moi de colocar a decoración para recibir e logo volver á vida diaria. Tampouco nos faría falta tanto. Nin sequera precisamos ser a nación de Breogán. Basta coa primeira parte. Nós somos nós. Somos así. Estamos aquí. Incluso razoablemente. Quen queira pode sumarse, e quen non, que non se apure: ninguén é perfecto.

Con que untan o pan. Un dos paradoxos máis frecuentes do mundo literario galego (e por ampliación do cultural) é que se renega bastante do sistema cultural español sen caer na conta de que é utilizado como sistema métrico decimal. Sen entrar a valorar esa idea de que os autores que valen aquí son os que están ben considerados nos arredores de Barajas, sucede habitualmente que as máis odiosas comparacións acaban por ser sempre contra autores que escriben en castelán. É un espello deformante pero non queremos renunciar a el. Este descoloque colectivo produce a mesma desolación que a que eu padezo cando vexo que, sendo por obriga de clase da margarina, agora todo o mundo decidiu pasarse á nocilla.

Non digas que foi superhome. Levo anos sen disfrutar do Día das Letras Galegas. As celebracións, tal como están concibidas, teñen un efecto igualador como se todos os autores fosen o mesmo autor. O perfil que trazan os fastos colectivos é, evidentemente, hiperbólico. Persoas con capacidades fóra do alcance da xente normal. Esta tendencia a igualar por riba aos escritores é ilóxica e está provocada pola dinámica xerada pola forma en que celebramos a data. Quizais alguén pense que Rosalía de Castro e María Mariño estean na mesma liña. Pero non. Quizais Lugrís Freire e Blanco Amor poidan merecer as mesmas homenaxes, pero non son o mesmo tipo de autor. Este xeito de proceder prexudica a Álvarez Blázquez, que entre as súas virtudes ten a de non ser un superhome, senón xente claramente normal decidida a facer cada día da súa vida o que entendeu como debido. Cada día. Como a xente normal. Coa mesma teimosía cotiá coa que a xente ten que marchar a traballar e ten que volver de aló. Coa mesma naturalidade de quen se sente formando parte de algo que é máis fácil de entender cando non se explica de todo. Con perseveranza e resistencia ata que os días comezan a acurtarse. Despois hai que sumar a nocturnidade.

Xente así é necesaria. A mellor forma de homenaxear sería imitar o seu exemplo. Hai que parafrasear ao Che: liberamos a Álvarez Blázquez de responsabilidade agás a que resulte do seu exemplo. E por iso, se aínda nos toca fontanería, faremos fontanería e, se nos toca figuración, figuraremos. Iremos á feira, viremos do mercado para convencernos de que nós somos nós e ningunha parte desprendida ou malformada dun corpo maior con tendencia insultante a ignorarnos ou a compadecernos. ¿Por que non deixamos a España e os seus transvases e disfrutamos da auga aínda que non sexa bendita? Menos mal que non era tempo de manifestos.