Pelayo Blanco García: «Xa desde moi pequeno andaba cun atlas todo o día»

Alejandro García Chouciño
A. G. CHOUCIÑO A CORUÑA / LA VOZ

OLEIROS

Marcos Míguez

Este mozo estuda terceiro de ESO no IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas de Oleiros e xa se plantexa formarse na rama da aeronáutica

19 jun 2022 . Actualizado a las 09:22 h.

Desde hai pouco máis de 48 horas, en Oleiros reside un novo campión nacional. Concretamente no ámbito da xeografía. El é Pelayo Blanco García (2007). Actualmente estuda terceiro de ESO no IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas e polos seus resultados académicos, parece que o seu futuro será prometedor.

—Como descobre a existencia desde certame educativo?

—En realidade todo comezou polo meu profesor de Xeografía e Historia, Xosé Antón García. Animounos a varios a participar na competición autonómica que se celebrou xa fai un mes en Santiago de Compostela. Nesa ocasión asistiron varios centros de Galicia e os tres primeiros pasamos ao nacional, que tivo lugar onte.

—Que sentiu no momento da proba final?

—Houbo nervios [ri]. Este ano fíxose de forma online, a través dunha videoconferencia con todos os participantes. Primeiro houbo unha presentación xeral, e fixemos entre todos algún xogo relacionado coa xeografía. A proba consistía nun problema que eles poñían. Neste caso era unha oenexé que quería facer unha campaña de vacinación e con eses datos tiñas que buscar o lugar óptimo para realizar esa acción. Había que responder a unhas preguntas tipo test e elaborar un mapa. O lugar era a República Centroafricana, en Bangui, e valorábase que tiveses as preguntas ben e tamén o tempo nas que as respondías, e o mapa.

—O seu resultado foi o ouro. Cal foi o premio?

—A min déronme 250 euros e tamén me van a enviar un par de agasallos máis a miña casa.

—Como nace esta paixón pola xeografía?

—Non o sei exactamente. Xa desde moi pequeno tiña mapas e andaba sempre cun atlas todo o día. Ao meu pai tamén lle gusta a xeografía e eu penso que é por iso.

—Hai algún estudo ou formación que lle chame a atención?

—Aínda non o teño moi decidido. A min gústame algo que tamén ten relación coa xeografía que é o mundo aeronáutico. Pero todo se verá. Aínda queda tempo para decidir.