Víctor Freixanes: «A Coruña liberal e aberta, democrática e culta era o espazo ideal para o desenvolvemento da RAG»

Mila Méndez Otero
M. Méndez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

galega
MARCOS MÍGUEZ

O presidente da Real Academia Galega debulla os motivos que levaron a fundar na cidade esta institución clave para a cultura e a lingua galegas

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde 1906 a Real Academia Galega fica e traballa na Coruña.

-A esta cidade sempre a acompaña o tópico de que é moi pouco galega. É xusto ese prexuízo?

-Unha apreciación totalmente inxusta. Na Coruña naceron e residen algunhas das grandes institucións da cultura galega, principalmente a Real Academia Galega. Dende A Coruña naceron as Irmandades da Fala, da man do xornalista Antón Villar Ponte, as primeiras escolas de teatro, algún dos nosos grandes músicos, arquitectos, científicos... Na Coruña creáronse periódicos e iniciativas editoriais como a Biblioteca Gallega, o gran símbolo editorial do Rexurdimento. Na Coruña moraron e desenvolveron a súa actividade persoeiros dende Manuel Murguía e Rosalía de Castro durante un tempo a Martínez Salazar, Luís Seoane, Rafael Dieste, Luz Pozo Garza ou Xosé Ramón Barreiro, por non falar dos que aínda están entre nós. E figuras como Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega, Salvador de Madariaga ou Wenceslao Fernández Flórez, que aínda que non escribiron en galego, tamén son Galicia. O debate non é se A Coruña é máis ou menos galega. O debate de futuro, respecto da cultura e a lingua galega, preséntase historicamente dende a confrontación entre o mundo rural e o urbano nas portas da modernidade, e agora no marco da globalización. Nos barrios da Coruña a lingua vive na xente e na rúa, só hai que deixala respirar.

-Por qué naceu aquí a RAG?

-Porque aquí estaba un dos xermolos máis activos e conscientes da cultura galega no século XIX e nos primeiros anos do XX. Naceu na rúa Rego da Auga arredor do grupo de intelectuais que algúns chamaban a Cova Céltica. A RAG sempre traballou aquí, primeiro nos locais que prestou o Concello e agora na rúa Tabernas. A Coruña liberal e aberta, democrática e culta era o espazo ideal para o seu desenvolvemento.