Premio a unha catapulta cultural

SARA ARES NOIA. CORRESPONSAL

A CORUÑA CIUDAD

ARES LEMA

A revista Casa da Gramática do Virxe do Mar pón en marcha novos proxectos de consolidación Tres profesores do Instituto Virxe do Mar de Noia botaron a andar, no 1997, a revista de divulgación cultural Casa da Gramática. Despois dunha singladura sementada de ímprobos esforzos económicos e dunha loita pertinaz por ofrecer un producto de alta calidade, os seus coordenadores acaban de obter unha merecida recompensa da man de Política Lingüística, que a elixiu como mellor publicación escolar da Coruña. Nestes intres, están sumerxidos no lanzamento de novedosas iniciativas.

11 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Saltos de ledicia foron os que deron os docentes do Instituto Virxe do Mar de Noia Lola Arxóns, Xabier Castro e Concha Sabucedo no intre no que coñeceron, o pasado venres, a noticia da concesión dun premio provincial por parte da Dirección Xeral de Política Lingüística. Eles son os principais artífices de que a revista Casa da Gramática vexa a luz ininterrumpidamente dende o ano 97. Este mes, sairá do forno editorial o número 15, cun especial adicado á literatura galega producida no exilio entre os anos 1936 e 1975. Para este exemplar, contan coas colaboracións de destacados persoeiros do ámbito cultural e académico de Galicia, entre os que se atopan Aurora Marco, Armando Requeixo, Carlos Pereira e Alberto Romasanta. Ademais do enorme sacrificio que lles acarrea a elaboración e difusión de cada un dos números da publicación, os promotores desta iniciativa cultural atópanse, na actualidade, enfrascados noutros quefaceres vencellados á Casa da Gramática. De feito, tamén neste mes, teñen pensado poñer en circulación un CD-ROM no que recompilan os doce primeiros fascículos. Paralelamente, ultiman os preparativos para a reedición de sete números da revista, xa que se esgotaron no seu día e agora son moitos os lectores asiduos que queren recuperalos para alimentar a súa hemeroteca particular. Neste senso, Lola Arxóns asegura que cada tirada non chega a nada, xa que imprimen entre 175 e 200 volumes e sempre se distribúen todos sen problemas. «A Casa da Gramática converteuse nunha auténtica plataforma cultural xa que, simultaneamente, no nome desta iniciativa organizamos homenaxes e exposicións como as que xiraron en torno ó dramaturgo Álvaro de las Casas e certames literarios, como o de relatos curtos de aventuras Avilés de Taramancos», esgrime unha das fundadoras. Agora, ós impulsores da galardonada revista tócalles cruzar os dedos para ver se acadan o premio á mellor publicación escolar de Galicia. O dictame saberase o vindeiro día 24. Tamén os alumnos do Instituto Virxe do Mar do municipio noiés esperan que o seu esforzo se vexa recompensado coa obtención dun novo galardón para o centro.