Miguel Queixas, promotor cultural: «A covid amosou agravios comparativos coa Cultura»

T. Silva A CORUÑA

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

O responsable de Xita Promotora reflexiona sobre os tempos duros e a esperanza da volta aos espectáculos

04 nov 2021 . Actualizado a las 10:57 h.

A hostalaría liderou o tempo nos medios de comunicación como damnificados pola pandemia. Pero mentres, houbo outros dos que nin se falaba nin recibían axudas. Os eventos culturais saíron das nosas vidas e refuxiámonos en discos, libros e películas. Namentres, persoas como Miguel Queixas ( A Coruña, 1979), responsable de Xita Promotora, revisaba que facer entre cancelación e cancelación. Agora volve con folgos.

—Estamos a levantar a cabeza nos eventos culturais?

—A situación sanitaria permite ter esperanza, pero somos un sector que precisa de tempo para planificar e organizar, independentemente das dimensións do evento que se organice. O poder dinamizador do sector e da industria cultural xunto coa súa inquedanza creativa vai a unha alta velocidade, algo que podería interpretarse como que xa se ergueu a cabeza, pero aínda queda moito por facer. Hai que seguir dando a confianza para que o espectador se sinta cómodo.

—Cal foi o momento máis duro durante a pandemia? Chegou a dar por finalizada esa etapa?

—Foron tantos malos momentos para todos os que formamos parte do tecido cultural que custa moito escoller o peor. En Xita traballamos na organización, promoción, produción e difusión dun evento (os seus 360º) e foi complexo manterse a flote. Houbo que asumir o impacto, reorganizarse a nivel interno e reconfigurar a nosa actividade, fundamentalmente de iniciativa privada, ampliando así o tipo de accións e formatos que traballabamos ate o momento pre-covid.

—Supoño que a intermitencia da pandemia, con momentos de apertura aos que logo lle seguían grandes olas de contaxios implicou un desgaste maior.

—Si, tanto no persoal como no profesional. A incertidume pola que pasou este sector, considerado non esencial pero tan necesario, provocou ese desgaste que comentas pero tamén abriu en moitos de nós un espazo para a reflexión en positivo sobre o que representamos ou o que aportamos realmente para a sociedade.

—Uns deses sacrificios foi a cancelación de Joaquín Reyes. Está na axenda deste ano?

—Foi un de moitos, si, pero afortunadamente terémolo con nós en Santiago, Vigo e A Coruña os vindeiros 19, 20 e 21 de novembro. É o mellor momento para rir e agardamos que sexa tamén o mellor arranque desta nosa nova etapa.

—Cales son os proxectos nos que está a traballar que máis o motivan?

—Todos motivan. No máis inminente temos programada a xira de Joaquín Reyes en Galicia para este mes, mentres que en Zaragoza e Cáceres teremos dous shows homenaxe que repasan a traxectoria de El Último de la Fila. A medio prazo estamos valorando diferentes propostas artísticas para traer a Galicia así como continuar a distribución doutras en España. Non perdemos de vista o humor galego (e en galego), coa mirada en novas xeracións coma Adrián do Regenco.

—Durante estes meses, sentiu unha especie de discriminación con respecto a outros gremios damnificados pola pandemia? Seguimos tendo ese mantra de «A Cultura pode esperar»?

—Houbo momentos de agravios comparativos en normativas e aforos en relación con outros sectores e incluso entre comunidades con situacións similares. As Administracións, todas, deixaron moito que desexar sendo nada ou moi pouco conscientes das necesidades do sector.

—Por qué alguén decide ser promotor de espectáculos?

—É unha satisfacción cando ves ao público desfrutar de algo que meses atrás era unha simple proposta nun papel. Convertemos ideas en realidades, neste caso espectáculos que pasan a ter día e hora e que son resultado do traballo de moitas partes creativas, artísticas, técnicas e promotoras. Ser parte diso é algo moi gratificante.