«Hai inquisidores que din do que se pode ou non se pode falar na Universidade»

Admite que non é unha ciencia e que non le horóscopos, e aclara que o curso non ía de adiviñar o futuro


a coruña / la voz

Gonzalo de la Huerga Fidalgo foi presidente da sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, maxistrado emérito de dito tribunal, profesor de Dereito Administrativo, membro do Consello Consultivo de Galicia e o primeiro xuíz da historia en ditar unha sentenza en galego. Dende que se xubilou, converteuse nun estudoso da astroloxía e, como tal, ía impartir un curso ao final de mes na UNED. Pero a presión nas redes sociais obrigaron a cancelalo. «Sorprendido» e «moi molesto» cos «censores e inquisidores» do século XXI «que din do que se pode ou non se pode falar na Universidade», Gonzalo de la Huerta Fidalgo defende a xornada.

-¿Que respondería á xente que pediu a suspensión do curso?

-Leveime unha gran sorpresa coa reacción dalgúns. Que en pleno século XXI se produza un exercicio de censura... Dá un pouco de risa. É como se algúns volvesen a retomar a Santa Inquisición.

-Argumentan que a astroloxía non é unha ciencia. Máis aínda, é unha estafa que non pode ter cabida na Universidade...

-Niso estou dacordo. De ningunha maneira se pode entender a astroloxía como ciencia, pero si como experiencia, que é o que ten a astroloxía, experiencia. Tampouco é unha ciencia o amor, pero está aí, acompañándonos sempre. Se só nos deixan coas cousas científicas, non sei se nos deixarán vivir. Na Universidade, en definitiva, hanter cabida a ciencia e a realidade.

-Deme unha soa razón pola que a astroloxía debe entrar na Universidade.

-Porque acompañou á humanidade dende sempre, foi obxecto de estudo de grandes sabios ao longo dos séculos. Sábese dela dende mil anos antes de Cristo, cando unha casta de sacerdotes caldeos estudaron os astros, pola intuición dun xenio de que podería existir unha relación entre o que se ve aí enriba e o que pasa aquí abaixo.

-¿Que obxectivos tiña o curso?

-Ía dirixido a responder a pregunta ¿que é a astroloxía? Nada máis que iso. Que ninguén pense que íamos a ensinar a adiviñar, nin a falar dos futurólogos que saen na televisión. Isto é algo máis serio. O que me choca das críticas dos amantes dos corpos celestes, da astronomía, é que se esquezan de xenios como Kepler ou Copérnico, recoñecidos astrólogos.

-O feito de que sexa un xuíz e non Aramís Fuster o que impartía o curso, ¿non cree que merecía, polo menos, que o escoitaran?

-(Ri). E que o curso non tiña nada que ver cos adiviños. Só quería falar do seu significado, da antropoloxía, dos estudos e investigacións que se fixeron ao longo da historia.

-¿Cre nos horóscopos que aparecen nas revistas?

-Non. Se algunha vez lin o horóscopo fíxeno por curiosidade, por comprobar se a persoa que o escribe sabe ou non sabe de astroloxía. Imos ver, ninguén pode dar credibilidade a un texto que pon que os capricornios van conquistar corazóns esta semana. É seguro que non todos os capricornios do planeta van ligar de súpeto. Non é iso. A astroloxía é algo máis serio. O importante son os ascendentes. Un pode nacer en novembro e ser Escorpio, pero pode ter ascendente Aries, Saxitario... Así sáennos 144 tipos básicos. Que á súa vez, teñen as súas particularidades. Logo está a colocación da lúa, iso que é capaz de levantar todos os días os océanos e deixalos caer. A lúa marca a emoción das persoas.

-¿Como se introduce un xuíz no mundo da astroloxía?

-Eu era unha persoa moi escéptica, ata que descubrín de que ía iso da astroloxía.

-¿E como foi?

-Hai 15 anos, máis ou menos, caeu nas miñas mans un libro da astróloga Linda Goodman. Era de divulgación e ameno. Eu non sabía nin cal era o meu signo. Mireino e cando ía pola cuarta páxina decateime de que esa autora sabía xa dúas cousas que só miña nai e máis eu coñecíamos. E así, fun mercando libros e investigando, ata levantar unha pequena biblioteca.

-¿Como naceu a idea de organizar esta xornada?

-Reuninme hai tempo con responsables da extensión da UNED na Coruña e cando o propuxen, dixéronme sorprendidos: «Que pouco se orienta isto ao teu currículo académico e profesional». Pedíronme que o explicase. Fíxeno e acordamos facelo, nun marco fóra dos graos e con acceso a créditos. Só queríamos facer una introdución á astroloxía, fomentar o debate. E se despois de escoitarme, alguén di: «Igual é verdade o que di este home»... Hai que escoitar, coñecer, debater... Iso sempre.

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
22 votos
Comentarios

«Hai inquisidores que din do que se pode ou non se pode falar na Universidade»