«A esmorga» emigrante

A novela de Blanco Amor publícase en castelán nunha edición restaurada ao tempo que se estrea a adaptación cinematográfica en salas españolas

.

Redacción / La Voz

A esmorga emprendeu onte unha nova xeira emigrante coa presentación da versión cinematográfica da novela de Eduardo Blanco Amor e unha nova edición en castelán que restaura os anacos prohibidos pola censura franquista. Non emigra por falta de aceptación ou oportunidades -o libro gaña cada ano lectores e é citado por moitos como a mellor novela galega, mentres que a adaptación dirixida por Ignacio Vilar levou seis premios nos Mestre Mateo e foi vista en Galicia por 60.000 espectadores-, senón para difundir unha historia enraizada nun microcosmos -localizado en Auria, un trasunto de Ourense- pero de alcance universal.

De feito, a emigración e a diáspora están xa na cerna mesma da obra, xa que foi publicada primeiro na Arxentina e logo en Galicia. O propio autor trasladouna ao castelán co título de La parranda, versión que publica -sen censura- agora o selo Mar Maior e cun epílogo de Manuel Rivas, quen asistiu onte á presentación en Madrid co resto do equipo da película. Rivas definiu a Blanco Amor como «un transgresor narrativo, un insurxente poético, un exiliado exterior e interior, un elegante vagabundo, un bo salvaxe». «A mellor novela galega, en idioma galego, nunca antes escrita, xerminara no exilio», engadiu.

O filme estréase o vindeiro día 8 en medio cento de salas de cines españois, e conta no seu reparto con Miguel de Lira, Morris e Karra Elejalde. Este último lembrou onte as dificultades da rodaxe: «Fue la peli más perra que he hecho en mi vida, con ocho ciclogénesis seguidas».

Votación
2 votos

«A esmorga» emigrante