Os rostros da historia de Elviña

Ana Lorenzo Fernández
ANA LORENZO A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Algúns dos retratos feitos por Xoán Romeu xa están colgados no local de Tempo Novo.
Algúns dos retratos feitos por Xoán Romeu xa están colgados no local de Tempo Novo. paco rodríguez< / span>

Unha mostra fotográfica homenaxea aos veciños máis senlleiros

04 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai máis de tres décadas, as expropiacións deixaron asediado ao pobo de Elviña-Castro, que pouco a pouco quedou reducido a un pequeno recuncho á entrada da cidade rodeado de edificios universitarios, das altas torres de Someso e do futuro parque ofimático. Entre todas estas construcións sobrevive un núcleo con pequenas casas -moitas delas pechadas xa a cal e canto-, que aínda conserva a esencia dese «remanso de paz» que sempre foi este barrio coruñés.

Para homenaxear e lembrar aos veciños que manteñen viva a historia desta zona, a asociación cultural Tempo Novo decidiu organizar unha exposición fotográfica cos rostros dos residentes maiores de 65 años, que bautizou co título A nosa xente. Xoán Romeu, neto, fillo e veciño de Elviña, foi o encargado de poñer as caras a esta mostra, un traballo que comezou hai varios meses e que xa deu os seus primeiros froitos. «Vou casa por casa, polos camiños, falo coa xente e fágolles o retrato. Busco sempre que sexan poses naturais, e como me coñecen, hai máis naturalidade e menos desconfianza», recoñece o fotógrafo, que xa retratou a uns 35 veciños, pero aínda lle quedan outros 70.

Como media, Romeu retrata a unhas tres ou catro persoas á semana, pero todo depende un pouco do tempo que faga, xa que lle gusta moito tomar imaxes no exterior, e que poidan transmitir algo do pobo de Elviña-Castro e do seu protagonista. Outra das teimas deste fotógrafo é que «os retratos gústanme que sexan en branco e negro, porque así tamén son unha homenaxe á xente que falta».

O obxectivo de todo este traballo é que estea listo para o vindeiro 1 de maio, onde se espera que todos os veciños maiores de 65 años ocupen o seu espazo nas paredes do local da asociación Tempo Novo, que nesa data festexa os seus primeiros trinta anos de vida.

Aniversario

O presidente do colectivo, Samuel López, explicou que esta mostra quere servir para festexar estas tres décadas da entidade cultural, pero tamén «porque é unha forma de dicir que aquí se seguen facendo cousas, porque os problemas veñen por todos os lados, pero aquí seguimos loitando».

De feito, esta asociación non deixa de traballar, e todos os anos organiza multitude de cursos e clases de todo tipo, sobre todo de música, xa que gaiteiros tan famosos como Susana Seivane ou Bieito Romero pasaron polas súas aulas.