Inmersos na campaña de Nadal, ve clave a concienciación dos clientes
09 dic 2012 . Actualizado a las 07:01 h.Non está a vida como para deixar escapar viaxes. Por iso Antonio Seoane (San Pedro de Nós, Oleiros, 1971) responde cun ollo posto na conversa e con outro no vehículo co que exerce a súa profesión. Taxista, pero tamén presidente da Asociación do Comercio de Culleredo desde hai uns catro anos, fala da situación e da crise. A entidade aglutina a 82 socios do municipio.
-¿Son malos tempos?
-A crise nótase, e os negocios están pasando unha época moi difícil. Dende outubro do ano pasado, o baixón é considerable.
-¿Todos, en xeral?
-O sector da hostalería quizais tardou en notalo un pouco máis, pero xa lle está chegando.
-¿Por que xorde a necesidade dunha asociación do comercio?
-Foi hai uns sete ou oito anos, polas rúas Hersa e Sanjurjo de Carricarte. Daquela aínda non eran semipeatonais, e o que se pretendía era promover algo conxunto nelas, porque agrupaban á maior parte dos comercios aquí en O Burgo. Logo xa se plantexou que a entidade facía falta tamén a nivel municipal.
-¿Notaron a peatonalización? ¿Que di do aforador na rúa Hersa?
-É difícil saber como afectou a peatonalización, porque cadrou coa crise. Do aforador sabemos que se instalou para estudar o tráfico rodado nesas rúas, e logo tomaranse medidas ou non.
-¿Que lles afecta máis: a crise ou os centros comerciais?
-A crise afecta en todos os sitios. Do outro... é normal que mentres haxa o bum da apertura dun centro comercial se faga dano ao pequeno comercio, pero é que foron moitas aperturas.
-¿A xente prefire o trato frío?
-Penso que se vai aos centros comerciais por comodidade ou por costume: a xente pensa ás veces que non vai atopar o que busca nos pequenos negocios que ten ao lado, e en moitas ocasións é ao revés. A pena é que o comercio local sexa o último recurso ao que acode o cliente.
-¿É tan clave o aparcamento?
-Si, a comodidade. Axuda a que veña a xente. En O Burgo as zonas azuis axudaron un pouquiño e agora é cuestión de estudar se se precisan máis ou non.
-¿Fai falta concienciación? ¿Como chegar aos mozos?
-Atraer á xente nova ao pequeno comercio está complicado. Si se precisa concienciación. Aquí acabamos de comezar a campaña ¿Ti mercas en Culleredo? Non se cobra por entrar e aos comerciantes, aínda que non vendamos, gústanos que a xente veña á tenda e mire o que hai. Iso dálle vida a calquera cidade. Cando un comercio pecha é cando un se dá conta do servizo que prestaba. Non queremos obrigar á xente a que merque, pero que veña e, se lle gusta o produto, que o leve. Hai calidade e aprétase o prezo para facelo bo.
-¿Que pinta lle ve ao futuro? -Vamos pasar un tempo duro. Facemos campañas conxuntas, de maneira que sexa menos custoso para cada comercio, aínda que logo cada un faga o seu traballo. Co Concello a colaboración sempre foi boa, pero este ano máis. No caso da directiva da asociación, faise moito traballo de rúa, e segue habendo ánimo.
-¿E as outras institucións?
-En subvencións, o grifo está pechado. Agora é cando debería haber máis axudas ás pequenas empresas, pero é ao revés.
-¿Como vai o taxi?
-Baixou moito. Se a xente non ten traballo, non pode consumir...
Antonio seoane casal
pte. asociación do comercio de culleredo