«A abstracción é como o jazz: dás notas ata que aparece algo»

maría ballesteros maría ballesteros A CORUÑAA CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

O artista arousán expón a súa obra máis recente, «Pintura habitada», na galería Atlántica de A Coruña

24 oct 2011 . Actualizado a las 12:43 h.

A Xaquín Chaves (Vilaxoán-Vilagarcía, 1959) góstalle falar da súa ría, a de Arousa, como dunha pequena Florencia, que viu nacer a Castelao, Cabanillas, Asorey, Julio Camba, Valle-Inclán... «A metade da cultura importante de Galicia saiu daí», subliña o pintor, que, con fe renacentista, adícase tamén á poesía, o deseño, o cartelismo, a escultura... Postos a ser, Chaves foi ata taxista, nunha época da que conserva intacta a súa «paixón por pintar». A mesma paixón da que saen as obras que está a expoñer no centro de arte Atlántica de A Coruña.

-¿Como leva o seu plan de xuntar abstracción e figuración?

-É unha teima de tolos. Eu empecei moi novo, con quince ou dezaseis anos, a pintar no campo, e esa paixón por pintar do natural perviviu cos anos e cos cambios estilísticos. Nesta exposición tentei aplicar os meus anos de abstracción e recobrar eses elementos da natureza que me sinceran co meu entorno e que estaban a petar en min. É unha laboura complexa.

-Parece.

-E cecais quimérica. Non che digo que non... O que procuro é recoller o eco dos elementos naturais: interésanme máis as atmósferas que o ceo; a acuosidade, que a auga ou que o mar. Tentas esencializar, non ilustrar.

-Nesa busca, ¿danlle ganas de facer borrón e empezar de novo?

-Sempre. Sempre. A creación só a entendo dende a posición de aceptar que tes que correr certos riscos. Un pintor, se é consciente, está sempre así: ao borde do fracaso. No traballo creativo hai doses moi grandes de reflexión sobre o fracaso: sentes esa cercanía do todo e ás veces te encontras con nada, con que estás moi lonxe. É un proceso a longo prazo e unha vida prácticamente non che dá...

-¿E por onde anda agora?

-Nun momento bo, porque a miña pintura recobrou uns elementos que eu necesitaba, moito. E estou moi contento.

-¿Ao lenzo enfróntase coa mente en branco ou cunha imaxe?

-Ás veces é unha pequena armonía cromática, un modus de pintar, catro apuntes mentales...

-¿E xa?

-Un pintor abstracto é como un músico de jazz: empezas a dar notas, manchas, ata que comeza a aparecer algo. E aí é cando empezas a pintar o cadro. A xénese case sempre é así.

-¿Como son eses momentos en que sae algo realmente bo?

-Os momentos plenos son escasos. Ao mellor tres, catro veces ao ano. O resto é moito moito traballo de buscar esas pequenas perlas, flores, que che saen moitas veces nos momentos máis inesperados, cando xa dis: non hai perla. É o que dicía Picasso: a inspiración que me colla no estudio, traballando. O pintor é un animal de estudio.

-¿Animal de estudio?

-É case como unha ciencia, sobre todo o abstracto: colles un fungo e ves o que vai pasando. A pintura figurativa deféndese moito coa literatura, é máis faladora, prosaica. A abstracta é moito máis lírica. Eu concibo a pintura como moi silenciosa.