Afirma que non se arrepinte de nada do que fixo e asegura que a Universidade «nunca lle ocultou nada ao Concello»
11 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Xosé Lois Martínez confesaba onte que «non» esperaba ser cesado do seu posto como vicerreitor de Infraestruturas e Xestión Ambiental da Universidade da Coruña. Achaca a problemas de comunicación toda a polémica xurdida pola falta de permisos para realizar novas obras nos campus, pero asegura que «non teño nada do que arrepentirme. Todo o que fixen desde a UDC foi en defensa da comunidade universitaria».
-¿Cal é a orixe de todo este problema?
-A Universidade pertence a un conglomerado onde hai un primeiro nivel formado por Xunta e Concello, que son os que xestionan o espazo urbanístico, porque a UDC non é virtual e precisa espazo físico. Nun segundo nivel está a Universidade, que plantexa unha serie de necesidades, pero ela non pode nin expropiar nin recalificar. Nos están dando diñeiro para construír edificios, pero non nos dan terreos. Isto é unha cidade da cultura que se proxectou hai 21 anos cun plan parcial, do que só se expropiou a terceira parte dos terreos.
-¿O Concello coñecía todas estas actuacións?
-A UDC nunca lle ocultou nada ao Concello. Son obras que se están facendo e que están contempladas no novo plantexamento urbanístico, que nós lle suxerimos a Busquets e que eles decidiron incorporar ao novo PGOM. Está todo colgado na web.
-¿Por qué construíron sen solicitar permiso?
-As pautas de comportamento da UDC entre 1991 e o 2004 -cando nós chegamos- eran heterodoxas, non digo ilegais, pero desde un punto de vista da planificación eran así e estaban asumidas polo Concello e a Universidade. Nós continuamos con esas pautas e pedimos cambialas e facelas ortodoxas, e de aí saíu o documento que lle enviamos a Busquets para incluír no PGOM. O que teño que dicir é que eu nunca defenderei a ilegalidade. A legalidade urbanística é algo que hai que respectar sempre. Pero tamén defendo a legalidade na educación, e é ilegal ter 2.000 estudantes nunha facultade que foi creada para 1.000.
-¿Como xustifica o que se fixo?
-A Universidade é un servizo público e o que se fai non é unha operación especulativa, senón tratar de resolver un problema. A UDC non pode estar marxinada no sistema universitario galego. Este país merece unha Universidade como a UDC, e que se cumpra dunha vez o plan parcial de 1990, para que esta universidade poida funcionar ao 100 %.
-¿Pensa que as súas declaracións prexudican á UDC?
-A UDC pode estar incómoda neste momentos, pero os que teñen as competencias e os recursos para que a Universidade da Coruña sexa unha universidade normal teñen que estar moito máis incómodos. Eu para nada pretendín xerar conflitos coas institucións, e o que fixemos foi propoñerlles alternativas para mellorar a nosa situación.
Xosé lois martínez exvicerreitor de infraestruturas da UDC