A conselleira de Educación sabe que desbaratou os horarios dos pais, pero di que o aviso se deu no momento xusto, cando o parte meteorolóxico indicou que ir a clase podería ser un risco: «O primeiro é a seguridade dos nenos».
-¿Por que decidiu suspender as clases?
-Decidimos suspender as clases ante as previsións meteorolóxicas que indicaban un alto risco de temporal. Durante toda a tarde, os datos que nos chegaban desde MeteoGalicia e o ministerio en Madrid indicaban un empeoramento do tempo. A partir das oito e media da tarde [do xoves], a consellería, Protección Civil e MeteoGalicia tomamos a decisión polo alto risco que se prevía e para velar pola seguridade dos alumnos e dos profesores.
-¿Non foi posible facelo antes?
-Os datos de MeteoGalicia foron variando de hora en hora, ao longo da tarde. A partir das seis sabíase que habería ventos moi fortes, e cando os datos indicaron que chegarían aos 140 quilómetros por hora é cando se tomou a decisión, baseada en datos científicos contrastados. Pero a meteoroloxía non é unha ciencia exacta.
-De feito, apenas houbo vento pola mañá.
-Os datos danse en función da previsión do momento. E nós, ante a dúbida de que puidese haber unha fronte a partir das dúas da tarde de hoxe [pola de onte], tomamos a decisión de suspender as clases.
-¿Entón non houbo improvisación nin descoordinación?
-Non houbo improvisación porque baseamos a decisión nos datos dos organismos oficiais. A decisión non se podía tomar nin antes nin despois.
-¿Cómo informaron á comunidade escolar?
-Informouse a tódolos directores por teléfono, e-mail ou SMS. Todos tiñan que estar hoxe [por onte] nos seus postos, agás que houbese risco. Foron aos centros a primeira hora da mañá e ata o mediodía para informar ás familias que non coñecían o aviso.
-Algunhas enteráronse na mesma porta do centro.
-Na provincia da Coruña, só un 1,6% dos nenos foron aos centros ou ás paradas de bus. É dicir, o proceso de información funcionou perfectamente. Tamén haino que agradecer aos medios de comunicación e ás empresas de transporte escolar, que colaboraron indo ás paradas para avisar aos pais.