«O máis importante é que a cultura chegue ao pobo»

Patricia García Lema
Patricia García A CORUÑA

A CORUÑA

KOPA

Entrevista | Milagros Lantes Seara Esta carballesa cre que un dos puntos máis importantes para promocionar este ámbito é traballar en equipo dende a Xunta, a Deputación e os concellos

16 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

?eva dende o ano 1977 dedicada ao mundo da política. Milagros Lantes (Carballo, 1961) cambiou o seu posto de concelleira no goberno de Servicios Sociais, Sanidade e Muller na capital de Bergantiños, para converterse na nova delegada provincial da Consellería de Cultura e Deporte. Dende o seu despacho na rúa Durán Loriga, Milagros Lantes fai unha análise da situación cultural na Coruña. -¿Como asumiu o novo cargo? -Pois con moita ilusión. Paréceme unha etapa moi interesante. Agora que chegou o momento dun novo Goberno galego agradezo que dende o BNG se tivera en consideración o que eu podo aportar a esta consellería. -Obxectivos máis inmediatos. -O máis inmediato de cara ao 2006 é o da recuperación da memoria histórica. Outro dos traballos que queremos sacar adiante é tratar de facer un labor comunmente asociativo xa que ata o de agora estivo un pouco por libre, sen ningunha unidade e paréceme que é moi importante conseguir ese traballo en equipo. -¿Que pensa do posible recoñecemento da tradición oral galega pola Unesco? -É un paso moi importante para promocionar a cultura galega no exterior. De obter ese recoñecemento vai ser un feito moi relevante. A consellería está apoiando e promocionando dende o principio esta iniciativa e penso que hai que seguir traballando neste sentido. -¿Estamos a falar dun sector esquecido ata o de agora? -Ata o momento, a tradición galega estaba moi folclorizada e isto é unha forma de que non se perda. De feito as lendas e todo o relacionado con elas foron transmitidas oralmente de xeración en xeración porque, precisamente, existía pouca literatura escrita. -Nestes momentos, un dos temas candentes é o relacionado co futuro do ballet galego Rei de Viana. -A compañía galega de danza vaise reformular e vai seguir. O persoal da consellería de Cultura xa falou cos bailaríns e o que podo asegurar e que se vai facer unha reformulación, e nomearase unha nova persoa. Non é algo que estea na nosa mente, senón que estamos traballando niso. -¿Cal é a liña de actuación que se vai seguir dende a consellería para o fomento da cultura? -O máis destacado é a forte aposta que hai por dinamizar e por formar, dándolle unha nova idea a este mundo, tanto ao audiovisual como ao da música ou ao editorial. Ao final, o máis importante é que a cultura chegue ao pobo. -Por outra banda, ¿que tipo de medidas se van realizar para a promoción do deporte? -En primeiro lugar, vaise facer o da selección galega de fútbol, que é algo histórico. Ademais, existe un plan de dinamización deportiva nos concellos, que de momento vaise levar adiante a través de animadores deportivos comarcais. E, por último, un apoio decidido ao deporte de base e tamén ao minoritario.