Entrevista | Fernando del Pozo
29 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.?ernando del Pozo sustitúe dende onte a Elena Menéndez ao fronte da delegación de Educación, un posto que xa ocupou entre 1983 y 1986. Tras xurar o cargo na presenza do conselleiro, Celso Currás, afirma que as circunstancias cambiaron («hai menos problemas: as instalacións son máis modernas, a dotación do profesorado é maior e o asentamento social e político é máis tranquilo»), e que a súa intención é proseguir na liña da súa antecesora: «Intentando manter boas relacións con todo o sector educativo». -¿Iniciará unha ronda de reunións con todos? -Non serán reunións especiais, senón as habituais cos órganos de sempre. Serán xuntanzas durante o primeiro trimestre para coñecer os seus problemas e como enfocalos. Non prometo resolvelos todos, pero si enfocalos. -¿Un deles será o incremento da conflictividade nas aulas? -Sempre se fala de que se incrementa o malestar entre alumnos e cos profesores, pero non é significativo. Na actualidade temos escolarizados o cen por cento dos alumnos. Nas aulas están os bos, os menos bos e os peores. Evidentemente pódense crear situacións de conflictividade e os profesores intentan paliar esa situación cos recursos que teñen e enderezar as actitudes. -¿Vaise construír algún novo centro? -Neste momento non teño os datos das obras previstas. Acabo de acceder ao cargo, pero sei que hai necesidades en Ames, e que os centros están chegando ao seu límite. -¿Solucionaron o problema da dobre preinscripción en infantil? -Estase facendo unha nova orde de escolarización que regule o proceso. As cousas que non saen ben non gustan, e eu, como presidente da comisión de escolarización, sei que houbo que tomar decisións delicadas. O problema existía de xeito mínimo, pero ultimamente foi a máis porque xurdiu a idea de que se podía facer e aumentou o número de implicados.