«A solución é escoitar aos científicos, non só vedar»

m. a.

CIENCIA

Javier Rois, Taracho (A Pontenova, 1963), é unha das persoas que mellor coñece o Eo. Pescador desde os nove anos, organiza a Festa da Troita da súa vila e leva máis de dúas décadas pescando salmón no río mariñán e noutros como o Narcea. Recoñece desánimo entre os seus colegas.

—Cando vai saír o campanu?

—Saír vai saír. Cando, non o sei. Supoño que cando haxa boas mareas. Na Festa da Troita víronse sete salmóns no treito urbano do Eo, onde non se pode pescar.

—Desde cando se dá esta escaseza de salmón atlántico?

—Xa fai tempo que escasea, aínda que sempre houbo ciclos. Épocas nas que se collen poucos e outras nas que hai moitos. No 1984 colléranse, só no Eo, uns 1.500. Logo nos 90 baixou drasticamente e volveu subir polo 2006, con anos de 300. Desde aí foi en declive.

—Antes non había limitacións?

—Estes cupos de dous ou tres salmóns por pescador empezaron hai uns cinco anos. Antes podías levar canto salmón picara.

—Cales pensa que son as razóns desta caída na poboación?

—Son moitas. Se o salmón non remonta o río, non hai descendencia. Os corvos mariños comen moito esguín, que son as crías. Moitos desaparecen no mar polas redes de pesca e logo as presas e centrais foron un condicionante enorme porque o salmón busca augas frías e estas dividiron os ríos e complican que suban.

—A solución pasa por prohibir un tempo a pesca do salmón?

—Prohibir non é a solución porque se non se trata o estado dos ríos non vale de nada. Cando se prohibe é que antes houbo unha mala xestión e creo que a solución é facerlle caso aos científicos, que son os que saben e levan 30 anos dicindo que sen tomar medidas ía acabar pasando isto.

—Cales serían as primordiais?

—Abordar a contaminación dos ríos e o tema das presas. Canto menos esforzo teña que facer o salmón no río é mellor, porque non se alimenta nel, senón que bota catro ou cinco meses coa reserva de graxa que trae de fóra.

—A veda deste ano en Galicia chegará para recuperar?

—Só prohibindo a súa pesca non se vai recuperar. Terán que facer repoboacións ou soltas.