«Desde que hai rexistros a ciencia vainos acompañando na historia humana: o lume, a roda, as vacinas, os foguete espaciais… Estamos nun intre onde mesmo os medios xeralistas utilizan un grande espazo das súas edicións para noticias sobre ciencia, hai canles especializadas, podcasts temáticos… Que queremos facer nós? Levar a ciencia até a nosa cidade». Con estas palabras, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, deu a coñecer a iniciativa A Foto 51 que se desenvolve dende onte no Teatro Principal en conmemoración do Día internacional da Muller e a Nena na Ciencia e na que colabora GCiencia.
Na xornada de clausura deste sábado, trece poñentes, que ofrecerán charlas de dez minutos. «Queremos facer o contrario do que acontece en moitos encontros científicos: aquí máis do 90 % serán mulleres as que falen, xunto cun 20 % de homes. Queremos que sexa representada a presenza real das mulleres na ciencia», engadiu.
As conferencias arrancarán as 11.15 horas con Iria Veiga e rematarán as 18.10 horas con Tamara Pazos. Ademais, desenvolverase un concurso de nanocharlas onde a xente pode probar a divulgar ciencia nun formato pequeno. A xornada rematará cun espectáculo co Piano-Bar Periódico Elemental a partires das 18.30 horas.