Os novos compoñentes do departamento do Consello da Cultura Galega teñen moito que ver coa Costa da Morte
14 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O xoves reuniuse por primeira vez a Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega con tódolos seus novos membros. Foi un encontro dedicado a revisar as actividades propostas para o 2021 e propoñer outras para o próximo exercicio, pero sobre todo para dar a benvida aos novos compoñentes, boa parte dos cales teñen moito que ver coa Costa da Morte.
Os novos son Xosé María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal, con sede no Couto, e Xacobo de Toro, que é profesor en A Laracha e tamén o foi en Malpica, ademais de Ánxela Bugallo e Manuel Vicente. A cota da zona se completa con Ángel Carracedo, que é de Santa Comba e moi habitual na zona, co físico Jorge Mira, que é de Baio, e mesmo con Javier Méndez Zunzunegui, casado cunha muller de Neaño, en Cabana. Así, cinco dos doce membros de comité científico, o 41,66 %, están directamente relacionados coa Costa da Morte.
No primeiro encontro do grupo completo, que foi en parte telemático e en parte presencial, falouse moito da zona rural e mesmo xa hai algún proxecto no que se considera importante saber o que teñen que dicir os que viven lonxe das cidades. Xosé María Varela comentou que houbo unha declaración de intencións neste sentido.