Igualdade na investigación e a ciencia
CIENCIA
Hoxe avanzamos cara a unha sociedade máis igualitaria, tolerante, e diversa. Grazas á aprobación da Lei Ánxeles Alvariño, as mulleres investigadoras e científicas podemos camiñar con pasos máis firmes, ollar cara ao futuro dende unha nova perspectiva que xira entorno á igualdade real e efectiva.
As desigualdades no ámbito da investigación reflíctense en cifras. As mulleres abandonan paulatinamente a carreira profesional, o que se coñece como a «tubaxe que gotea» e, ademais, o acceso a postos de responsabilidade está limitado en base ao ben coñecido teito de cristal, que ten como efecto espello o chamado «chan pegañento» das institucións. A desigualdade entre homes e mulleres tamén se mide en termos de visibilidade e recoñecemento do seu traballo. Hai unha gran falta de referentes femininos, e os descubrimentos das mulleres tenden a considerarse de menor valor. A maternidade segue sendo unha das razóns que máis penalizan ás mulleres, dada a interrupción temporal da actividade e a dificultade engadida de compatibilizar unha carreira profesional cos coidados.
Como sociedade, non nos podemos permitir que haxa mulleres que teñan que renunciar ao seu desenvolvemento profesional porque son invisibilizadas ou discriminadas. Porque non só perdemos talento, perdemos todas e todos, a visión da metade da humanidade, a capacidade de afrontar problemas comúns dende ángulos complementarios.
Nos últimos anos tense avanzado moito en materia de visibilización, rachando con estereotipos e condutas que cuestionaban e deslexitimaban a profesionalidade das mulleres que reivindicaban o dereito a desfrutar dos permisos de maternidade e a conciliar, e ao mesmo tempo reclamaban o seu espazo profesional; rachando con estereotipos que asumen que as mulleres están menos capacitadas para optar a postos de liderado. Tomar conciencia da situación é o primeiro paso para buscar solucións. Porén, todos estes avances non estarían completos sen un marco normativo axeitado.
Dende InvestiGal, Rede Galega pola Investigación, e en particular dende o Grupo de Traballo de Igualdade, Xénero e Conciliación, queremos manifestar os nosos parabéns ao BNG, por ter apoiado as nosas reivindicacións e promovido a Lei Ánxeles Alvariño; a todos os grupos parlamentarios, por facer súa a lei, polo seu compromiso, e debate enriquecedor, e a todas as persoas, entidades, asociacións e sociedades, que reclamaron que esta lei sexa hoxe unha realidade. Facendo, entre todas e todos, de Galiza un referente en igualdade.