Relixión e ciencia

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

CIENCIA

19 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Mes de agosto, campus de Elviña a pouco gas. Só fica aberta unha cafetaría e nela conflúen os que aínda non foron de vacacións. Sobre un café xúntanse tres homes de formación distinta, no Dereito, na Economía e na Telemática. Axiña a conversa xira arredor dunha vella cantilena: fondos para a investigación e diferenzas entre países ao investigaren, e ao colocaren na industria os resultados da investigación.

Os tres rexoubantes, alén de diferenzas de formación, téñenas de crenza: un é numerario do Opus Dei, outro, católico de base e o terceiro, ateo. Mais todos son «papistas de nación» e veñen coincidir logo en que hai dúas Europas (con réplicas americanas). Velaí a dos católicos do sur, atrasada nos eidos da ciencia e a tecnoloxía, e a dos protestantes do norte, punteira neles. Tamén existe unha «zona de transición», a dos erasmistas (franceses e flamengos sobre todo) que enfrontan os luteranos a cotío. E un dato máis: nos países avanzados hai moito que os pastores se forman en Teoloxía nas universidades, a carón dos científicos; non pechados en seminarios.

¿A relixión condiciona a produción científico-tecnolóxica, ou é a moral derivada da relixión a que o fai? ¿Crenza ou xeito de vivir? Bo asunto a tocar no campus... O café remata con proposta: a dun debate universitario ao respecto.