«A empresa privada é agora unha boa saída en ciencia»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CIENCIA

SANDRA ALONSO

Doutorada en Bioloxía pola USC, creou a súa spin-off como «unha alternativa para traballar» na súa especialidade

01 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A finais de novembro, María Córdoba defenderá en Madrid o seu proxecto empresarial, Deroceras, ante o xurado do premio RedEmprendia, de la universidad a la empresa. Ela foi a única finalista galega dun concurso iberoamericano ao que se presentaron 130 proxectos de 67 universidades.

-Deroceras dedícase ao control de pragas en cultivos.

-O noso rasgo diferencial son os sistemas de alerta. Facemos modelos de predición de pragas estudando o ciclo biolóxico dos causantes dos danos e tamén facemos medicións meteorolóxicas. Con iso, creamos modelos matemáticos, que nos permiten saber cal é o momento idóneo para utilizar produtos fitosanitarios ou outras medidas de control. O beneficio é que hai un aforro económico porque hai que aplicar medidas menos veces e ademais esas aplicacións son máis eficientes.

-¿Só fai estudos para animais ou tamén para outras especies que crean pragas?

-A miña tese centrábase en gasterópodos, é dicir, caracois e lesmas, pero coa empresa queremos ir máis alá con modelos para insectos praga e fungos. Destes últimos xa fixemos algún proxecto en viñedo.

-¿A crise pon problemas na evolución da empresa?

-A empresa funciona dende xuño deste ano e non hai queixa, máis tendo en conta a época na que estamos. Xa fixemos un ensaio en viñedo e subministramos insectos praga para empresas que ensaian con produtos fitosanitarios e iso permítenos ir saíndo. O que me gustaría é facer algún gran proxecto nunha parcela onde colocar unha estación meteorolóxica e facer medicións. Ademais quero incorporar a outra persoa ao proxecto nun prazo non moi longo de tempo.

-Está no programa Empresa Concepto e en Uninova.

-Antes de crear a spin-off non os coñecía. Eu quería dedicarme a docencia e investigación, pero é moi difícil. No grupo de investigación tiven contacto con empresas e a investigación agora está mal. A creación dunha empresa era outra alternativa para traballar no mesmo.

-¿É a saída para a ciencia na situación actual?

-Neste momento que estamos vivindo ir cara á empresa privada é unha boa iniciativa e é algo que se estimula noutros países e que agora aquí se ve ben, antes non tanto. Creo que é unha boa alternativa.

maría córdoba creadora da spin-off deroceras