Un legado de millóns de anos

CIENCIA

Os científicos alertan sobre o estado de desprotección e o descoñecemento do importante patrimonio xeolóxico e paleontolóxico das serras lucenses

22 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A conservación do patrimonio xeolóxico e dos xacementos fósiles debería ocupar un lugar importante nos proxectos de creación dos futuros parques naturais do Courel e dos Ancares, en opinión dos especialistas, que consideran que esta importante parcela do patrimonio natural lucense non só está moi pouco investigada, senón tamén moi desprotexida, especialmente fronte á actividade mineira. O descoñecemento que existe a este respecto, sinalan por outro lado os científicos, está impedindo o aproveitamento dun importante recurso turístico e educativo.

O xeólogo e paleontólogo lucense Juan Carlos Gutiérrez-Marco opina que as formacións xeolóxicas e as zonas fosilíferas deberían ser obxecto de especial atención na planificación dos parques naturais lucenses e sinala que a conservación da chamada xeodiversidade tería que estar tan recoñecida nestes espazos protexidos como a da bioversidade. O científico suliña ademais que a conservación da xeodiversidade é un dos obxectivos marcados na Ley del Patrimonio Natural y de la Bioversidad, promulgada en decembro do 2007 e aínda pouco coñecida. Esta nova normativa legal establece por outro lado que os planos de ordenación dos recursos naturais (PORN), os documentos que definen os obxectivos dos parques naturais, deben prestar atención á conservación deste patrimonio.

Impacto da minería

«A protección do que se coñece como xeodiversidade é unha cuestión pendente en Galicia e por iso este patrimonio está nunha situación lamentable», sinala pola súa parte a paleontóloga Aurora Grandal d'Anglade, que investiga os restos de fauna cuaternaria descubertos recentemente no xaxemento paleolítico de Cova Eirós, no municipio de Triacastela. «Cando se fai unha obra nunha zona de valor arqueolóxico hai unha serie de controis, pero cando se abre unha canteira nas montañas de Lugo ou Ourense non se fai ningún control xeolóxico ou paleontolóxico, de maneira que as explotacións mineiras están destruíndo fósiles de moito valor científico», engade.

O impacto negativo da actividade mineira tamén é criticado por Gutiérrez-Marco, quen considera a este respecto que «a ignorancia dos políticos» é o principal problema para a conservación e a investigación deste patrimonio. «Un político pode entender o que é un dinosauro, pero non lle dá ningunha importancia ao valor científico e cultural que poden teñen outros tipos de fósil ou determinadas estruturas xeolóxicas e por iso non se preocupa por protexer estes bens», agrega. Ao seu xuízo, «a solución non pode consistir simplemente en prohibir as explotacións mineiras, senón en buscar fórmulas para que esta actividade cause o menor dano posible no medio natural e para que os científicos poidan recuperar e estudar os fósiles que se desenterran nas canteiras».