Un monumento natural educativo

CIENCIA

Profesores de ciencias de toda Galicia visitaron o pregamento de Campodola en compañía de especialistas para coñecer mellor o seu valor científico e didáctico

12 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Profesores de ciencias de centros educativos de toda Galicia visitaron a pasada fin de semana o pregamento de Campodola, en Quiroga, a fin de coñecer as características deste monumento xeolóxico para explicarllas aos seus alumnos ou mostrarllas directamente en posibles excursións. Os docentes tamén tiveron ocasión de informarse sobre os fósiles do Paleozoico que foron achados nesta parte da Serra do Courel. A viaxe formaba parte dun curso organizado pola Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT) e incluíu tamén un percorrido pola Serra de Enciña da Lastra, en Valdeorras, e por algunhas paraxes de interese xeolóxico da provincia de León.

Os profesores puideron observar o espectacular pregamento rochoso de Quiroga desde o miradoiro construído en tempos recentes polo Concello de Quiroga. As explicacións correron a cargo dos paleontólogos Juan Carlos Gutiérrez-Marco -responsable da idea de construír o miradoiro-, Roberto Bao e Antonio Goy. No grupo tamén estaba presente a profesora Mercedes Ruibal, integrante da AEPECT e coordinadora destas xornadas, quen xa leva anos traendo aos seus alumnos a visitar o pregamento. Ruibal considera que o lugar ten un grande potencial como recurso educativo e cre conveniente que os docentes galegos coñezan mellor o valor científico destas paraxes para que transmitan eses coñecementos ao alumnado.

As características do lugar fan que sexa particularmente axeitado para compender mellor cuestións como o funcionamento das forzas tectónicas que modelan o relevo, a estrutura interna da corteza terrestre ou a deriva dos continentes. A presenza de fósiles microscópicos da Era Primaria -estudados por Gutiérrez-Marco e por outros investigadores- incrementa considerablemente o interese científico e didáctico da zona.

Os organizadores das xornadas sinalan que o pregamento de Quiroga está adquirindo cada vez máis notoriedade como centro de excursións educativas e esperan que a iniciativa axude a consolidar esta tendencia.