O Courel, santuario da avifauna

Francisco Albo
Francisco Albo FOLGOSO DO COUREL

CIENCIA

Reportaxe | Investigación e turismo científico A Sociedade Galega de Ornitoloxía levou a cabo a súa primeira excursión oficial á serra, unhas das zonas máis interesantes de Galicia para a observación das aves

23 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

?índa que a Serra do Courel é unha das zonas máis ricas en avifauna de Galicia, ata agora non fora escenario das actividades da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO). As primeiras xornadas de observación de aves que promove esta entidade na zona desenvolvéronse entre os pasados días 13 e 14 e, segundo os seus organizadores, foi a máis exitosa das que se levan feito a unha zona de montaña. A iniciativa pode marcar un camiño para fomentar o aproveitamento didáctico e turístico dunha parte do patrimonio natural da serra que de momento non está moi popularizada. Na expedición participaron unha vintena de persoas, que percorreron diversas zonas da serra caracterizadas pola súa riqueza e variedade en aves silvestres. O percorrido comezou o día 13 no Alto do Couto, desde onde os excursionistas se dirixiron andando ata a parte máis alta da Devesa da Rogueira e á lagoa de Lucenza. Nestas zonas viven diversas especies características dos bosques de alta montaña que non se encontran noutras partes de Galicia. Os participantes esperaban ver exemplares de ferreiriño palustre ( Parus palustris ), un paxaro raro e escaso que ten no Courel e nos Ancares os seus únicos santuarios galegos. Non o conseguiron desta vez, pero si puideron ver e escoitar outras aves típicas destas zonas, como o picafollas europeo ( Phylloscopus collybita ), o merlo rubio ( Monticola saxatilis ) e a pica alpina ( Anthus spinoletta ), entre outras especies. O percorrido continuou por Parada e Seoane, onde os expedicionarios se detiveron a observar a avifauna dos soutos. Alí puideron rexistrar a presenza de varias especies propias destes espazos, como o cardeal ( Pyrrhula pyrrhula ) e o gabeador azul ( Sita europaea ). Ao día seguinte, a expedición continuou no val do Lor, polos arredores de Froxán, unha aldea restaurada que actualmente está a ser declarada Ben de Interese Cultural. A calor non excesiva pero, segundo explican, os participantes, o día non se mostrou moi propicio para a observación de aves. Non se puideron avistar moitas rapaces, que acostuman a abundar na zona, pero en cambio os ornitólogos lograron identificar polo seu canto 59 especies diferentes. Segundo indica o biólogo José Guitián, membro da SGO e coautor da primeira guía sobre as aves do Courel, o itinerario foi planificado para visitar os diferentes ecosistemas existentes na serra, que albergan moi distintos tipos de avifauna. Por unha parte están as zonas boscosas das partes máis elevadas da serra, que en inverno se cubren de neve e sufren baixas temperaturas, presentando unhas condicións análogas ás dos bosques cantábricos. A poucos quilómetros de distancia están os bosques dos vales fluviais, un medio bastante máis cálido onde a influencia do clima mediterráneo propicia unha fauna e unha flora sensiblemente diferentes das que se dan nas zonas altas. Interese crecente A excursión, segundo explica Andrés Bermejo, presidente da SGO, mereceu tamén a pena por outros aspectos, como a riqueza botánica da serra. «Entre os que vivimos nas provincias da Coruña e Pontevedra hai cada vez máis interese en coñecer os bosques autóctonos da montaña lucense, un medio moi diferente dos eucaliptais e piñeirais que predominan na costa», afirma. «Un bosque de eucaliptos é un lugar moi frouxo en canto á avifauna, sobre todo se o comparamos coas devesas e os soutos do Courel», agrega. Se ben é a primeira vez que a SGO organiza como tal unha excursión ao Courel, moitos dos seus membros, que antes formaron o Grupo Ornitolóxico Galego, levan visitando a zona desde os anos 70.