Entre a lenda e a ciencia

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CIENCIA

RADIOGRAFÍAS | O |

10 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI UNHAS semanas comezou, na extrema que divide Tordoia e Cerceda, unha escavación arqueolóxica nunha mámoa próxima á estrada Ordes-Carballo. Alí están a traballar dous arqueólogos cós axudantes para ir descubrindo este sepulcro prehistórico, que pode ter ata seis mil anos de antigüedade. Hai uns días achegueime ata o lugar e parolei un bo anaco cos rapaces que dirixen a investigación. Explicáronme cousas que eu descoñecía, cunha paciencia e un didactismo envexables. Así puiden saber que en Cerceda abundan este tipo de enterramentos, como noutras partes do país. Un deles comentábame que nos séculos XVII e XVIII foi moi frecuente a violación destes enterramentos, incluso foi emitida unha cédula real na que se permitía ós paisanos indagar nestes lugares á procura de tesouros. Así, durante anos, milleiros de medorras foron violadas por moitos que coidaban atopar moreas de ouro. Quizais o que máis me atrae destes lugares é a inxente cantidade de lendas que se crearon arredor deles. Durante séculos, téñollo oído eu mesmo a miña avoa, as mámoas foron tomadas como as «casas dos mouros». ¡Cantas historias ó carón da cociña de ferro van caendo coa ciencia! Todas non collen.