Primeiras confirmacións do Asalto ao Castelo 2026

La Voz CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Público na pasada edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo
Público na pasada edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo BASILIO BELLO

O festival encara a súa vixésimo novena edición con novidades, como a consolidación da noite de concertos do venres

11 feb 2026 . Actualizado a las 14:15 h.

Comeza a rodar a vixésimo novena edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo, que se celebrará o venres 3 e o sábado 4 de xullo e que vén de presentar un primeiro avance de cartel. Segundo a organización [que recae nas asociacións Axvalso e Cherinkas co apoio do Concello] trátase dunha «proposta artística que combina grandes referentes da música galega, o talento emerxente e a mestizaxe internacional».

Malia que a distribución por días non será desvelada ata máis adiante, prometen dende o Asalto «dúas xornadas de troula ininterrompida co selo de calidade que caracterizaa este festival referente na Costa da Morte», indican. En canto á selección de artistas, que segundo apuntan foi feita seguindo un «criterio de diversidade e coherencia co espírito de resistencia do Asalto», velaquí os primeiros nomes, tal e como a organización os presenta:

DANIEL CRUZ

DAKIDARRÍA

«Unha banda xa histórica no panorama galego e mesmo estatal. Con máis de vinte anos de traxectoria e letras revolucionarias ata en doce linguas, promete unha gran descarga de enerxía».

CHE SUDAKA

CHE SUDAKA

«Este colectivo de orixe suramericana e afincado en Barcelona traerá a Vimianzo o seu punk reggae party. Referentes internacionais da cumbia o ska e a rumba, a súa música é unha invitación ao optimismo e á reflexión, herdeira do espírito festivo de bandas como Mano Negra».

DE NINGHURES

«Recentemente recoñecidos co Premio Martín Códax da Música 2025, representan a excelencia na actualización da música popular galega. A súa mestría para fusionar coplas tradicionais con ritmos contemporáneos convérteos nunha das bandas máis interesantes da escena actual».

ULEX

«A banda compostelá traerá ao Asalto a súa particular fusión de rock e ritmos de cumbia para presentar o seu disco debut, Lonxe de ti. Con esta proposta, Ulex confírmase como unha das revelacións musicais do ano».

LA YAYA DJ

LA YAYA DJ

«Profesionalidade e eclecticismo para garantir que a música non pare, mesturando clásicos e sons actuais nunha sesión deseñada para todos os públicos».

Dende a organización adiantan tamén unha das principais novidades desta vindeira edición: a necesidade de dispoñer de entrada tamén para os concertos da noite do venres, ademais dos do sábado, como xa viña sendo habitual. A intención, explican, é consolidar o Asalto como un festival «de dous días con programación de primeiro nivel en ambas datas, aumentando considerablemente a oferta musical na noite do venres».

Dende hoxe mesmo estará activa a venda de abonos, polo de agora a prezo promocional reducido, na web asaltoaocastelo.gal.