«As cousas das que falamos na función sucédenlle a todo o mundo»

P. Blanco / A. Lestón CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Pereira e Teté Delgado, na representación desta obra en Malpica
Pereira e Teté Delgado, na representación desta obra en Malpica BASILIO BELLO

Teté Delgado e Julio Pereira traerán mañá a Vimianzo «Entre dos»: fantasías, intimidade, sentimentos... Unha obra para non perdela

23 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A axenda da fin de semana pasará de novo por Vimianzo. Ás 20.30 de mañá, sábado, na Casa da Cultura, poderá gozarse da función Entre dos, comedia que sobe ao escenario á recoñecida actriz, cantante e artista Teté Delgado, todo un ciclón, e ao non menos profesional Julio Pereira. Entradas (5 euros, 2,5 a reducida) en woutick.es, na Casa da Cultura ou o propio día alí mesmo. Produce InteresaArte. Falaron ambos en Radio Voz Bergantiños, Teté dende a súa querida Malpica:

—Función, diálogo, conversa...

—[Julio] Facendo unha homenaxe a Les Luthiers, a min gústame chamar a isto biólogo, é coma un monólogo, pero entre dúas persoas. En realidade, é un diálogo dunha muller con ela mesma. Eu son coma un espello. E non digo máis! Ou si, que o público que tivemos ata o de agora saíu encantado, pásao moi ben. Hai un intre no que incluso lle pedimos á xente que nos axude, e hai quen nos conta cousas divertidísimas. Penso que é o mellor momento.

—Que é iso de comedia «retrofuturista», como así lle din?

—[Julio] Xogamos co tempo. Xogamos co pasado e coqueteamos co futuro. Nós os dous, xa adultos, temos que adaptarnos seguido a un mundo que non se parece en moito ao que tiñamos antes...

—[Teté] Vai un pouco de como consideramos nós as cousas. A infidelidade, por exemplo. Non é esta unha función sobre relacións de parellas, pero si se mete nunha parte desas relacións. Non é, vamos, unha función ao uso. É teatro, é monólogo, rompemos moito a cuarta parede. Primeiro despista, despois vaste centrando e despois despista outra vez. É como un tobogán de emocións.

—Como é traballar un co outro?

—[Julio] A Teté coñézoa como público máis ben, pero resulta ser a esposa dun gran amigo, Anxo Carbajal, actor formidable. Xurdiu un día isto, un proxecto para divertirnos sobre todo nós, e cando te divirtes no escenario, o público xa entra só... Traballar con Teté Delgado é como imaxinas que é traballar con Teté Delgado [ri]. Ás veces quedo mirándoa... e son eu tamén espectador.

—[Teté] Bueno, bueno, bueno...! E iso que procuro ir moderadiña!

Teté Delgado e Javier Pereira soben xuntos ao escenario
Teté Delgado e Javier Pereira soben xuntos ao escenario Silvia Penelas

—Como foi levar isto a Malpica?

—[Teté] Máis que tranquilidade, era iso de pensar que vas ver xente coñecida, se gustará este humor ou non... Pero eu xa lle vía as caras, e ao final ata falaba con eles directamente. Cando é un sitio pequeno tamén é mais doado que se solten. Houbo boa crítica.

—É un convite a ruborizarse un pouco, quizais? Sacan as cores?

—[Julio] Hai xente máis solta, outra que se corta máis... Falamos de fantasías, intimidade, sentimentos... Cousiñas que algúns lle costa tocar e coas que a outros hai que quitarlles o micrófono [ri].

—[Teté] Coa función non se van escandalizar nada, iso seguro. Outra cousa será logo cando empecemos a falar, que dependendo do que digan... Pero ese Ai, Dios mío que poidan dicir é coa boa pequena. As cousas das que falamos na función suceden. E sucédenlle a todo o mundo!

—[Julio] Suceden, moito! Eu teño que dicir que ir a Vimianzo faime moita ilusión. Penso que o imos pasar moi ben coa xente.

—A quen chamarían a acudir?

—[Teté] A todos! Os que teñen parella xa a teñen, os que non a teñen poden ter fantasías igual... Só se trata de querer botar unhas risas sen ter que pensar demasiado, isto é un puro divertimento. Advertimos á xente que, se non quere dicir nada de nada, nós non os imos achuchar. Non teñan medo.