Antonio Barros, artista: «Un concerto en acústico fai ben, paras a maquinaria, é unha experiencia»
VIMIANZO
A viva voz | Xunto con iAlma, voz e piano, traerá a Vimianzo este vindeiro domingo o concerto «Grandes voces da canción». Comeza a programación cultural de inverno no auditorio da Casa da Cultura
16 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A axenda da fin de semana trae unha cita destacada en Vimianzo, Grandes voces da canción, concerto de Antonio Barros (voz) e iAlma (piano): será o domingo, ás 18.00 horas, con entradas á venda de forma anticipada en woutick.es ou ben na Casa da Cultura. Tamén o propio día se poderán conseguir alí mesmo, dende unha hora antes do arranque no auditorio. Grandes voces da canción é un dos moitos proxectos nos que Barros anda implicado, e do que onte falou en Radio Voz Carballo:
—Como comeza o ano?
—De marabilla, con actuacións, e entre elas esta primeira en Vimianzo. Estou como un rapaz con zapatos novos, e ademais levando este repertorio bonito e agradecido co que xiramos por segundo ano. Cancións de Nino Bravo, Camilo Sesto, Raphael, Dyango, José José, Rocío Jurado, Rocío Dúrcal, Juan Pardo... Artistas recoñecidos que deixaron pegada nas nosas vidas. A música acompáñanos día a día.
—E activa lembranzas.
—Está demostrado. Lembro unha actuación nun centro da terceira idade, persoas que mesmo tiñan demencia. Teño na memoria a forma na que se lle acenderon os ollos a unha muller. Que cousa tan gratificante!
—A súa é unha das voces máis queridas da televisión galega.
—Os concursos axudaron moito. Luar, no que estiven en dúas edicións, con Recantos 7 e Recantos de Ouro, abriume as portas de moitas casas, o núcleo máis íntimo dunha persoa. A iAlma tamén. Aos dous nos gusta entrar sen facer moito ruído, e así foi, venres tras venres. A Liga dos cantantes ou o programa O sucesor de Juan Pardo, aínda sendo máis curto, contribuíu igualmente a iso. Acolléronnos con cariño e iso é unha sorte. Que te queiran é algo que non podes mercar.
—Onde reside esa conexión?
—En ser natural. No escenario non distingo ao Barros artista do pai, marido ou amigo. A clave está en ter os pés no chan, en ser consciente, os artistas temos que facer exercicios de humildade. Estar á altura implica non esquecerte da xente que che puxo arriba.
—O éxito é fugaz.
—É que se non coidas á túa xente, ás persoas que apostaron por ti... O mínimo é o cariño, un bico, un abrazo, un como estás. O normal, vamos. E esta profesión hai que normalizala. Un artista ás 08.30 dun luns está, coma calquera outra persoa, seguramente levando os nenos ao colexio.
—O seu era a verbena, nas orquestras Los Trovadores, Stelares ou Kubo. E o vínculo continúa.
—A verbena sempre formará parte da miña vida. É moi difícil estar nun nicho pechado da música e máis cando vés dese ámbito, que che obriga a diversificar. Un artista da verbena sabe copla e rock, son táboas e experiencia. Quedo con iso, e eu non quero perder ao público que baila, pero tamén son consciente de que estamos cheos de estímulos. A min e a iAlma gústanos chegar a un auditorio, coa luz baixa, público relaxado nas butacas, cómodos, temperatura agradable... Conducimos o espectáculo por cancións ás que lle poñemos moito cariño.
—Como fixeron esa selección?
—Logo de Grandes voces da canción debería haber unha parte 2, 3... Hai tantos! Esa selección é en verdade un traballo terrible, moito máis que ensaiarmos [ri].
—Como leva iso de que o designasen «o sucesor de Juan Pardo»?
—É unha responsabilidade, un cumprido, o mellor piropo que che poden botar. Que te comparen cun artista da súa talla e tendo ademais ao lado a Lys Pardo, que é a súa sucesora natural... [con ela comparte, de feito, o proxecto Xuntos pola música].
—Cambiou moitísimo o xeito de consumir música.
—Agora é un consumo masivo-destrutivo, unha trituradora. Trinta segundos dunha canción e paso a outra, unha lista infinita de artistas... De positivo ten que podes coñecer moitos; de negativo, que non prestas atención a ningún. Tamén mudou a maneira de crear, agora a IA faiche cancións en 15 minutos... Incrible! O cambio foi moi rápido. Eu teño 35 anos, pero aínda lle teño dado para atrás a máis dunha cinta de casete, teño utilizado máis dun boli BIC... Aí está en efecto un pouco de nostalxia, de manter viva aquela época...
—A cita en Vimianzo vai nesa liña.
—Si, para maiores e novos. Queres vivir unha experiencia? Ven a un concerto en acústico. Fai ben, paras a maquinaria, son 75 minutos, 80 se temos a sorte de que nos pidan uns bises. Pon o móbil en silencio, senta, baixa revolucións... A un mozo do 2005 igual non lle soa Si la vieras con mis ojos, de Dyango, pero dime, se escoita a letra, que non se pode sentir identificado! O que non poida ir xa non pode, pero que ninguén deixe de ir, por favor, por non saber deste concerto. Dará igual que chova ou trone, alí estaremos nun gran auditorio e a unha hora estupenda. Gustaríanos enchelo de almiñas que nos entreguen un pouco da súa vida. O tempo é o único que non volve.
—Escoitaremos «Camariñas»?
—Neste concerto todas as cancións son levadas só a piano, o minimalismo absoluto. Ese arranxo a veces custa, pero en Camariñas foi instantáneo. Soará, si, e xa non chivo nada máis!