Cherinkas e Concello agrandan dimensión cun variado programa arredor dos muíños da vila
25 sep 2025 . Actualizado a las 00:19 h.Venres 17 e sábado 18 de outubro • Di a canción que «unha noite non é nada» e en Vimianzo, aproveitando o décimo aniversario, tomárono ao pé da letra. É por iso que a Muiñada 2025 serán dous días de festa, agardando pois que nos próximos decenios sigan co fío da estrofa e cheguen a unha semaniña enteira. Polo de pronto, esta que será o 17 e 18 de outubro, venres e sábado, será xa unha moi boa Muiñada. Celebración sen ánimo de lucro, promoven Cherinkas e o Concello de Vimianzo, patrocina a Deputación e colaboran entidades como Trubisquiña, forza á que se suma a da veciñanza a título individual.
A todos agradeceu onte Manuel Rial, de Cherinkas, na presentación do programa levada a cabo no Muíño da Agra, onde comezou todo no 2015. Dende aquela, a Muiñada atrae xente de toda Galicia, é festival consolidado, sostido en sendeirismo, teatro, foliada, concertos, gastronomía, xogos ou concurso de debullado.
No plano musical, a noite do venres, no Muíño da Agra e con entrada de balde, será cousa de Paracetafolk —grupo da Costa da Morte recoñecido como Mellor Banda Emerxente nos Martin Códax deste ano, representado por Ángel Mourelle—, así como de Benofán Charanga (Teo). Despois deles, unha foliada libre.
Xa o sábado, a sesión vermú no Muíño da Gándara, correrá da man das voces e percusións de Bouba (Tordoia). Será preciso para este momento facerse con entrada (plataforma woutick.es), igual que para os concertos da noite programados no Palco da Maquía do Muíño da Agra, a partir das 22.00 hora: actuarán Ringorrango (Zamora), A Banda das Crechas (Santiago) e OMIRI (Portugal), proxecto do lisboeta Vasco Ribeira. «Será a primeira vez que reunamos música de raíz de practicamente todo o noroeste ibérico», dixo Rial ao pé de Pablo Castro, de Trubisquiña; de Rosa Blanco, edila de Cultura; Nieves Lema, técnica, e Mónica Rodríguez, alcaldesa.
A velada do sábado completarase cunha ruta teatral guiada por David Roget (10.00 horas, reserva previa en cherinkas,org) e múltiples propostas dende as 17.00 no Palco do Tarabelo do Muíño da Agra: xogos con millo, exposición dos dez anos, visitas teatralizadas, un obradoiro de baile con puntos de Carantoña, un campionato de debullado, foliada e cea tradicional. Haberá ben de opcións con fariña, como non, tamén modalidade vegana, e polos dez anos volverán as icónicas papas. Falou a rexedora de «orgullo», de «esencia», do desexo de que veñan moitos máis anos.
Quen queira vivir a festa doutro xeito, por certo, pode facerse voluntario, inscribíndose ata o día 10 de outubro vía redes de Cherinkas e Muiñada.