A causa do castelo, «un acto necesario en Vimianzo»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Tero Rodríguez, Barahunda e Orjais teatralizaron e musicaron o realmente ocorrido o 22 de xullo do 36 en Soneira

25 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Regresei á miña casa. Atrás quedaron catorce anos e dous días. A miña casa sen cristais, unha esposa completamente tola que nin sequera me coñecía e que ao pouco tempo morreu. A miña felicidade estaba truncada e xa non me interesaba nin vivir.

Son verbas do alcalde democrático de Vimianzo en 1936, José Álborés, quen logo do golpe de Estado tivo que vivir 14 anos agochado en diferentes casas, mentres a súa era asaltada cada día para maltratar á súa muller. No 1950, José entregouse. Estas palabras, rescatada dunha entrevista, foron algunhas das elixidas por Tero Rodríguez (compañía Os Quinquilláns) para divulgar A causa do castelo, dramatización levada a cabo o sábado no patio da fortaleza vimiancesa, con nutrida concorrencia.

BASILIO BELLO

Acompañaron musicalmente esta teatralización Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro (Barahunda) e Orjais. Un acto «moi necesario en Vimianzo», que segue o camiño dun xa celebrado no 2018, e que veu a ofrecer «a exposición dun relato máis axustado á realidade dos feitos do que historicamente se nos viñan contando, por influencia do franquismo», valoran dende a recén creada Asociación de Memoria Histórica Perfeuto López de Vimianzo, impulsora desta cita con Axvalso, Semescom e Cherinkas.

A toma de posesión da expropiación do castelo, o 22 de xullo de 1936, e pese ao amparo legal, derivou en xuízos sumarísimos, agochos, fuxidas, torturas, paseos... José Álborés e o seu irmán Manuel, Andrés García, Manuel Vidal, Federico Lamela e outros moitos veciños. A música tan acaída a cada relato, a unha «impresionante» dramatización de Tero, removeu o sábado os sentimentos dos presentes, entre eles algúns familiares. Prevé a entidade Perfeuto López seguir organizando actos deste tipo, que divulguen «a nosa historia recente».